HomePontevedraBaixo MiñoO Concello de Tui solicita a declaración da ilexitimidade e nulidade dos...

O Concello de Tui solicita a declaración da ilexitimidade e nulidade dos xuízos e sancións a 137 tudenses durante a ditadura

- Anuncio -spot_img

Por unanimidade a corporación acordou a colocación dun bloque de pedra cos seus nomes na Alameda de San Domingos

O Concello de Tui solicitou ante os organismos competentes a declaración de ilexitimidade e nulidade dos xuízos e sancións  ditados por motivos políticos, ideolóxicos, ou de conciencia durante a ditadura a 137 persoas naturais de Tui das que 70 foron executadas ou paseadas, e 67 procesadas ou sancionadas.

O Concello de Tui consolida así o seu compromiso institucional coa memoria democrática e os dereitos humanos coa reparación e dignificación das vítimas da represión franquista.

Con esta solicitude dáse cumprimento a un dos puntos recollidos na moción aprobada por unanimidade da corporación municipal de Tui no pleno de novembro. O texto foi promovido polo colectivo Levada Libre. A corporación municipal acordou tamén colocar unha placa de lembranza e desagravio na que figuren os nomes dos carabineiros e mariños que foron degradados e executados polos militares sublevados por defender e ser fieis ao goberno legalmente establecido da República.

Outra das accións a levar a cabo será a colocación, na Alameda de San Domingos, onde foron fusilados veciños e veciñas de Tui en 1936, un bloque de pedra do país co nome das persoas represaliadas por orde alfabética. Foron 137 veciños e veciñas de Tui dos que 70 foron executados ou “paseados” e 67 foron procesados e sancionaron e dos que faleceron como consecuencia da súa mobilización nas quintas de reemprazo ao longo da Guerra Civil.

Deste xeito, o concello de Tui recoñecerá simbolicamente ás vítimas da represión franquista, honrando publicamente a súa memoria.

Cómpre lembrar que dentro do seu compromiso coa memoria democrática o Concello de Tui solicitou  en agosto de 2024 ante a  Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria Democrática do Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática a declaración coma Lugares da Memoria de catro lugares. Trátase do antigo cárcere do partido xudicial na Praza da Inmaculada, do parque da Alameda, do Destacamento da Armada, e do cuartel dos Carabineros, actualmente da Garda Civil.

Por outra parte o pasado mes de outubro o Concello de Tui promoveu o I Mes da Memoria Democrática con diversas actividades nas que se afondaron na recuperación da memoria democrática e que expresa o compromiso da sociedade tudense e do propio Concello de Tui coa investigación, a lembranza e a dignificación dos procesos de afirmación democrática do século XX.

Nesta liña o Concello de Tui amosa a súa satisfacción pola identificación na fosa común de Soutelo, en Salceda, do tudense Manuel Fernández Diz, veciño das Bornetas, que en 1936, fora asasinado e soterrado nesta fosa común. No mes de xaneiro a súa sobriña neta, Gachi Fernández, regresou a Tui na procura das súas orixes, unha investigación que iniciou hai sete anos e que agora culminou tras a identificación do seu tío avó.  

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que “todas estas iniciativas teñen por obxectivo afondar e conservar os valores democráticos que rexen a nosa vida colectiva”.

Publicacións Relacionadas