CONCURSOS DE PINTURA E MURAIS PARA VISIBILIZAR O VI ENCONTRO DE ENTROIDOS DE COBRES
A Asociación Cultural Cobres, en colaboración co Concello de Vilaboa, organiza o I Concurso de Pintura “Que é para ti o Entroido de Cobres?” e o de murais ao aire libre “Entroido de Cobres na rúa”. Ambas iniciativas se levarán a cabo o vindeiro 13 de xullo, no marco do VI Encontro de Entroidos e repartirán diversos premios entre cativada e persoas adultas.
“Entroido de Cobres na rúa”
O Concurso de Murais ao aire libre “Entroido de Cobres na rúa” terá como lienzo as columnas do viaducto de Riomaior, onde os participantes, maiores de 16 anos, farán os seus graffitis nunha parede de 5×3 metros aproximadamente. Poderá participar a veciñanza do municipio e de calquera outro concello e incluso, poderán facelo en grupos de 2 persoas.
Para participar os interesados deben entrar na páxina oficial do Entroido de Cobres para cubrir o formulario correspondente e enviar un correo cun boceto do traballo a realizar, as técnicas a empregar e o tempo que precisarán, sendo o último día para enviar a documentación o 30 de xuño. Unha vez seleccionadas as obras, estableceranse os prazos de desenvolvemento que rematarán o mesmo 13 de xullo. Entre os premios que se repartirán destaca unha noite en réxime de aloxamento e almorzo para 2 persoas en casa rural de Vilaboa e unha cea para dúas persoas nun restaurante de Vilaboa.
Pequenos artistas
O I Concurso de Pintura está dirixido a estudantes da etapa de infantil, primaria e secundaria e estará dividido en catro categorías. As persoas participantes deberán presentar as súas obras antes do 10 de xullo xunto á autorización do pai, nai ou titor, na Biblioteca de Riomaior ou por correo postal á Asociación Cultural Cobres.
Deste modo, as pinturas serán orixinais e inéditas e se permitirá o uso de diversas técnicas como ceras, lápices de cores, acuarela, témpera, tinta, rotuladores e técnicas mixtas, incluíndo collage. Como incentivo, o premio para os gañadores consistirá nun lote de material promocional do Entroido de Cobres, que inclúe un suadoiro, unha taza, unha bolsa de tea, unha botella e calcetíns e se entregarán o mesmo 13 de xullo, durante o VI Encontro de Entroidos, que terá lugar baixo o viaducto de Riomaior.
A valoración das obras de pintura e os murais farase en función da adaptación ao tema, orixinalidade e dificultade técnica e mentres que as pinturas serán expostas durante o evento para que todos os asistentes poidan admirar as obras participantes, os murais non serán expostos ata que a organización faga pública a súa selección en redes sociais e na web.
Para máis información, consulte as bases do concurso en www.entroidodecobres.com

