O delegado do Estado, David Regades, xirou visita oficial ao Concello e coñeceu, de man do alcalde, César Poza, o proxecto de reordenación da contorna da Casa do Concello e outras iniciativas e actuacións no municipio
O Concello de Vilaboa ten todo a punto para iniciar as conversas coa Zona Franca de Vigo a fin de retomar o proxecto dun Parque Empresarial no municipio co fin de atraer a novas empresas ao territorio para xerar riqueza e crear emprego. Así llo comunicou o alcalde, César Poza, ao delegado Especial do Estado da Zona Franca, David Regades, quen realizou unha visita oficial ao concello pontevedrés, onde tamén puido coñecer algunhas das dependencias municipais que xa foron transformadas e os novos plans para a reordenación completa da contorna da Casa do Concello.
Poza trasladou a Regades a confianza do goberno municipal de Vilaboa en que Augas de Galicia pilote finalmente o proceso para a creación da Mancomunidade de Augas de Pontevedra o que solventaría a carencia de recursos hídricos do municipio que impide, ata o momento dotar de subministro público e regular ao futuro parque empresarial, o que comprometería o seu desenvolvemento.
“Vilaboa, dixo o alcalde, ten que contar cun subministro de auga que facilite a creación de chan industrial, empresarial e urbanizable, para poñer en marcha o Parque a fin de que poida seguir crecendo como Concello. Para iso é imprescindible a Mancomunidade e confiamos en que nos próximos meses Augas de Galicia lidere ese proceso xa que, ademais, no so beneficiaría a Vilaboa senón a todos os concellos deste territorio cunha gobernanza conxunta que regule as concesións e as captacións de auga”.
Pola súa banda, o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, reiterou ao alcalde a disposición do Consorcio para que, unha vez se poida solventar o tema da auga, retomar o proxecto co Concello a fin de desenvolver un área empresarial no municipio. “O noso interese é apoiar aos concellos da nosa provincia para que dispoñan de chan industrial e urbanizable porque sabemos, pola nosa experiencia, que é imprescindible que se busquen fórmulas para que as empresas poidan escoller Vilaboa como unha opción para desenvolver a súa actividade. E iso, engadeu, supón riqueza, emprego e fixar poboación no territorio”.
As conversas entre o Concello e Vilaboa e Zona Franca datan desde 2021 cando xerminou a iniciativa dun parque empresarial como un proxecto real de futuro para a localidade, nun ámbito que podería alcanzar os 400.000 metros cadrados e moi ben conectado coa AP-9 e a N-554.
Na visita de David Regades a Vilaboa, o delegado de Zona Franca tamén coñeceu os plans de actuación do goberno municipal en relación coas infraestruturas viarias e a intención de poñer en marcha novos equipamentos e dotacións para a veciñanza.