HomePontevedraO concello denuncia a falla de resposta da Xunta ante a inseguridade...

O concello denuncia a falla de resposta da Xunta ante a inseguridade viaria na PO-264

- Anuncio -spot_img

O goberno municipal acusa á Consellería de ningunear a Vilaboa mentras asina convenios de investimento con numerosos concellos liderados polo PP

O Concello de Vilaboa denuncia publicamente a falta de resposta por parte da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ante unha situación de acusada inseguridade na circulación peonil no núcleo rural de Paredes. Desde o pasado mes de xaneiro, o goberno municipal solicitou en dúas ocasións a execución de actuacións urxentes de mellora e seguridade na estrada autonómica PO-264, concretamente nun tramo de 450 metros ao seu paso polo termo municipal de Vilaboa.

A solicitude conta co respaldo unánime do Pleno do Concello, que en sesión celebrada o 2 de decembro de 2024 aprobou por unanimidade de toda a Corporación a necesidade destas actuacións, o que demostra que se trata dunha preocupación compartida por todas as formacións políticas municipais.

Sen embargo, mentras a Consellería ignora e ningunea a Vilaboa acapara titulares asinando convenios de colaboración e mellora de infraestruturas en múltiples concellos de Galicia, “case todos gobernados polo PP”, o que para César Poza é un claro “agravio institucional” e responsabiliza á Consellería directamente de calquer accidente que se poida producir neste tramo.

As melloras solicitadas á Xunta de Galicia inclúen, en primeiro lugar, a execución de medidas de calmado de tráfico mediante a instalación de redutores de velocidade (lombos de asno) nos puntos de maior circulación peonil dentro do núcleo rural de Paredes. O obxectivo destas medidas é forzar a minoración da velocidade dos vehículos nos treitos onde hai maior tránsito peonil, nos que ademáis hai un incremento do tráfico de vehículos pesados.

Así mesmo, o Concello solicita a construción de beirarrúas ou sendas de seguridade peonil, como mínimo nunha das marxes da estrada, priorizando a súa colocación entre no tramo, duns 200 metros de lonxitude, de maior conflitividade e onde os peóns circulan actualmente sen ningún tipo de protección.

Finalmente, demándase a creación dunha conexión peonil segura entre o trazado da estrada autonómica PO-264 e a estrada estatal N-550, co obxecto de posibilitar a conexión coas restantes vivendas e equipamentos situados ao leste do núcleo, garantindo así a mobilidade segura de toda a veciñanza.

Incremento do tráfico de vehículos pesados

O alcalde de Vilaboa, César Poza González, destacou que “a situación agravouse nos últimos tempos polo notable incremento do tráfico de vehículos pesados por esta estrada, o que pon en risco diario a seguridade dos nosos veciños e veciñas”.

Desde o goberno municipal vólvese instar á Xunta de Galicia a dar unha resposta inmediata a estas demandas, que afectan á seguridade e calidade de vida dos veciños e veciñas de Vilaboa, así como de todas as persoas usuarias da vía.

O Concello mantén a súa disposición para colaborar en todo o necesario e reitera a súa petición de reunión urxente coa conselleira de Planificación de Infraestruturas para abordar esta problemática.

Cronoloxía do silencio administrativo

  • 31 de xaneiro de 2025: Primeira solicitude oficial rexistrada na Consellería (rexistro 2025/10686), incluíndo certificado do acordo plenario e memoria técnica.
  • 13 de marzo de 2025: Reiteración da solicitude ante a falta de resposta (rexistro 2025-S-RC-460).
  • A día de hoxe: Ningunha contestación por parte da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Tampouco se concedeu data para a reunión solicitada coa conselleira.

Publicacións Relacionadas