HomePontevedraCaldasO concello deseña unha rede informativa sobre as sendas de Caldas de...

O concello deseña unha rede informativa sobre as sendas de Caldas de Reis co obxetivo de potenciar a actividade hostaleira e comercial local

- Anuncio -spot_img

Ademais do reparto de trípticos informativos entre os  negocios da vila, habilítase un espazo en Wikiloc, no que  se pode obter toda a información sobre oito roteiros  circulares que parten desde o Xardín Botánico e a  Carballeira 

O alcalde, Jacobo Pérez, salienta que un dos obxectivos  prioritarios do Goberno local é promover accións que  axuden a dinamizar e potenciar a actividade do sector  durante os doce meses do ano 

O Concello de Caldas de Reis vén  de impulsar unha iniciativa que combina a promoción dos recursos medio  ambientais do municipio, a aposta polos hábitos saudables e a dinamización de  sectores como a hostalería e o comercio local. O alcalde, Jacobo Pérez, deu a  coñecer á Asociación de Hostalería de Caldas de Reis a rede de roteiros que  desde esta mesma semana xa se pode consultar en Wikiloc, unha aplicación que  goza dunha gran popularidade entre os e as amantes do sendeirismo. Nesta ‘app’ os usuarios e usuarias poderán atopar toda a información relacionada con  varias sendas circulares que pasan polas diferentes parroquias do concello e  que teñen como punto de partida un emprazamento tan emblemático como é a  entrada ao Xardín Botánico e á Carballeira, espazo que está declarado como  Ben de Interese Cultural (BIC). En concreto, estes sendeiros parten desde o  Paseo Román López e teñen unha extensión que oscila entre os 9 e os 14  quilómetros aproximadamente. Todos estes roteiros son de carácter circular e  están conectados entre si, o que permite aos camiñantes combinalos e voltar ao  punto de partida sen necesidade de cubrir as distancias completas. A beleza  paisaxística do Monte Xiabre ou as Fervenzas de Segade son algúns dos puntos  de interese que se poden atopar nestes espazos. 

Unha das grandes vantaxes desta rede interactiva é que toda a información se  pode obter en Wikiloc sen necesidade de darse de alta no apartado ‘Premmium’.  Isto permitirá a calquera persoa consultar as descricións dos percorridos, acadar  información sobre os tempos estimados de cada actividade ou acceder a outras  ligazóns de interese. O encargado de achegar e adaptar esta información foi  Javier Piñeiro. O alcalde de Caldas de Reis explicou que o Concello repartirá  trípticos informativos sobre as sendas entre os negocios hostaleiros da vila.  Ademais, nos paneis interactivos habilitados en diferentes espazos públicos  incluirase un código QR, a través do cal se poderá acceder ao espazo de Wikiloc  no que figura toda a información sobre a rede de roteiros. 

Jacobo Pérez sinala que con esta iniciativa dase resposta a unha demanda  realizada polo sector hai xa algún tempo, e que ata o de agora non se puidera  facer realidade por cuestións técnicas. O rexedor caldense lembra que un dos  obxectivos prioritarios do Goberno local é achegar e consolidar ferramentas que  axuden a consolidar a actividade hostaleira e comercial durante todo o ano.  “Aquelas persoas que veñan a gozar destas sendas teñen a oportunidade de pasar o día na nosa vila, gozando da nosa gastronomía ou da oferta termal que  temos”, explicou. Ademais, Pérez Gulín incidiu no papel decisivo que xogarán os  propios establecementos achegando os trípticos informativos e salientou a  “excelente sintonía” que existe entre o Concello e o sector, o que permitirá  “continuar facendo realidade propostase a actuacións encamiñadas a reforzar o  que sen dúbida é un dos nosos grandes motores económicos e dinamizadores”. 

O alclade adiantou que o Concello traballa xa en máis accións “que supoñan un  revulsivo para o sector”. 

Pola súa banda, Jesús Fariña tamén destacou a importancia de que o sector  privado e as administracións públicas vaian da man para continuar nesta liña de  traballo. Sobre as vantaxes deste proxecto, o presidente da Asociación de  Hostaleiros de Caldas de Reis explicou que “dará un pulo moi importante á  actividade”, xa que, ademais de ser unha opción de lecer atractiva para todo o  ano, “serve para atraer a outro tipo de visitante, máis alá dos peregrinos que  chegan a Caldas a través do Camiño Portugués”.

Publicacións Relacionadas