HomePontevedraPoioO concello distingue a Magín Froiz como fillo adoptivo de Poio a...

O concello distingue a Magín Froiz como fillo adoptivo de Poio a título póstumo

- Anuncio -spot_img

• A Corporación municipal aproba por unanimidade a proposta, que tamén inclúe a entrega da distinción á familia do empresario, finado en marzo deste ano, e a instalación dun monólito de pedra na rotonda da avenida da Praia de Lourido na súa memoria

• O alcalde Sobral, o Goberno local e a oposición coinciden ao salientar “a discreción, humildade e xenerosidade” de Froiz, “sempre disposto a colaborar co Concello e cos colectivos locais” a través de doazóns e achegas altruístas, así como na organización de todo tipo de eventos lúdicos e deportivos

A Corporación municipal acordou este martes, de xeito unánime, nomear a título póstumo a Magín Froiz (1943-2022) como Fillo Adoptivo de Poio. Con esta distinción, o Concello busca recoñecer e honrar a memoria dun dos grandes embaixadores do municipio, a cuxa profesionalidade e afán de superación no ámbito laboral hai que sumar o seu espírito solidario, colaborativo e altruísta. Unha implicación que facilitou o desenvolvemento de máis de 1.900 accións na vila no ámbito do deporte, a cultura, o lecer e a solidariedade.

Todos os grupos políticos (BNG, PSdeG-PSOE, Avante Poio e Partido Popular) respaldaron a proposta tramitada desde a Concellería de Deportes, na que se inclúe, ademais deste nomeamento, a entrega da distinción á familia do fundador do Grupo Froiz e a instalación dun monólito de pedra na rotonda da avenida da Praia, en Lourido, “un lugar polo que Magín adoitaba a pasear con frecuencia e no que desenvolveu a súaactividade profesional e deportiva”, tal e como lembrou durante o debate plenario o alcalde. Haberá un acto aberto ao público para a inauguración da figura.

Tanto o alcalde Sobral como os e as portavoces de todo os grupos da Corporación local destacaron a estreita relación de Magín Froiz con Poio, onde residiu durante gran parte da súa vida. Ademais, o feito de manter a sede principal do Grupo Froiz en Lourido tamén o consolidou como “un dos máis grandes xeradores de emprego para a nosa veciñanza e a contorna, con máis de 5.000 postos de traballo creados”. Outro fito a destacar foi “a defensa e promoción que fixo do produto galego”, así como o seu interese en axudar ás familias con menos recursos, a través de doazóns realizadas no departamento de Servizos Sociais, sen esquecer o seu apoio constante ao deporte local.

Co seu nomeamento, Magín Froiz súmase a outras personalidades que nos eu día tamén se converteron en Fillos Adoptivos de Poio, entre as que se atopan Gonzalo Fernández de la Mora y Mon (1974), Pío Cabanillas (1997), César Otero (1986), José María Vallejo (1986), Antoine Marc Luc Machourek (1987), Adolfo Pérez Esquivel (1987 e gañador no Premio Nobel da Paz en 1980) e Benito Montero (2011). O expediente da proposta foi tramitado a través da Concellería de Deportes e a súa responsable, a nacionalista Marga Caldas, lembrou que esta distinción “é a máis alta das que contempla o noso Regulamento Municipal”, algo que “fai xustiza a quen sen dúbida foi un dos grandes embaixadores do noso concello en todo o país”.

Maila nacer en Barbastro (Huesca), Magín Froiz Planes sempre estivo vinculado á provincia de Pontevedra, de onde era seu pai (concretamente, de Lalín). Foi na década dos 70 cando adquiriu un supermercado, no que traballou de carniceiro. Ese foi o primeiro paso dunha ampla traxectoria profesional e empresarial, que o levou a fundar o Grupo Froiz. Durante gran parte da súa vida, froito do traballo e esforzo realizados, foi recoñecido con diferentes distincións a todos os niveis, como a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, outorgada polo Goberno central en 2017, entre moitos outras.

Publicacións Relacionadas