O proxecto, que será financiado pola Deputación de Pontevedra e fondos europeos, modernizará infraestruturas, mellorará a mobilidade e impulsará a cohesión territorial do municipio
Inclúe a creación dun parque acuático e actuacións de humanización que farán desta parroquia un modelo de rexeneración urbana que mellorará a calidade de vida da veciñanza
O Concello do Porriño vén de presentar o proxecto de rexeneración urbana do núcleo de Torneiros, unha actuación estratéxica que suporá unha transformación profunda desta parroquia a nivel urbanístico, social e ambiental. Fíxoo esta mañá o alcalde Alejandro Lorenzo nun acto público celebrado no centro cultural Alba.
Cun investimento total de 2.749.500 euros, dos cales 1,1 millóns serán financiados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Extra 2025 e o resto con fondos europeos, o proxecto converterase nun dos máis ambiciosos impulsados polo Concello nos últimos anos. Nel inclúese tamén o proxecto de parque acuático no Parque Alba, que complementará a intervención coa creación dun novo espazo de lecer familiar e deportivo, reforzando a oferta de equipamentos e a integración social da zona. “Son consciente de que se fixeron moitas novas infraestruturas, en distintos puntos do municipio, e nesta ocasión actuaremos en Torneiros, en cada un dos cinco polígonos residenciais que concentra un dos maiores núcleos de vivendas do Porriño. Pero isto non quedará aquí, continuaremos a rexenerar e transformar todas e cada unhas das parroquias, porque sabemos que son moitas as melloras que precisan e niso estamos a traballar cada día, en facer que eses proxectos sigan adiante e vaiamos avanzando, porque é moi complexo, case imposible ter os recursos suficiente para facer todo en tan pouco tempo, de aí que traballemos a medio e longo prazo”, explicaba o alcalde.
O investimento previsto abrangue dende a modernización dos servizos públicos básicos, a mellora da accesibilidade universal, a eficiencia enerxética, a creación de espazos públicos de calidade, ata a revitalización social e económica do núcleo de Torneiros. A intervención proposta responde a unha necesidade real e prioritaria do Concello do Porriño: mellorar de forma sostida e equilibrada as condicións urbanas, sociais e ambientais dun dos núcleos máis relevantes do municipio, garantindo a cohesión territorial e o benestar da poboación.
O proxecto en Torneiros busca mellorar o medio ambiente urbano e fomentar a mobilidade peonil mediante a redistribución do espazo viario. Prevese ampliar as zonas peonís, mellorar as beirarrúas e a iluminación, eliminar barreiras arquitectónicas e incorporar vexetación e mobiliario urbano. Estas actuacións permitirán crear un espazo máis amable, accesible e sostible, no que a veciñanza poida gañar protagonismo fronte ao tráfico motorizado facendo especial fincapé naqueles viarios nos que se localizan puntos de gran afluencia como poden ser os centros educativos, o multiusos de Torneiros ou o centro cultural Alba.
A intervención contempla ademais a renovación das redes de abastecemento, saneamento e drenaxe pluvial, así como a modernización do alumeado público con tecnoloxía LED, reducindo o consumo enerxético e as emisións de CO₂. A actuación aposta por un modelo de mobilidade sostible e accesibilidade universal. Segundo explicou o alcalde “Torneiros é un dos núcleos máis dinámicos e con maior potencial do Porriño, pero tamén un dos que máis precisaba unha modernización profunda. Con este proxecto imos equilibrar o territorio, mellorar a calidade de vida da veciñanza e crear un espazo máis humano, seguro e sostible”. O rexedor destacou que a actuación permitirá equiparar o nivel de servizos desta parroquia ao do centro urbano, reforzando a cohesión interna e reducindo a dependencia funcional do núcleo principal.
“Queremos que o Porriño avance de maneira equilibrada, onde cada parroquia teña servizos e espazos públicos de calidade. Torneiros vai ser un exemplo de como queremos construír o futuro do noso concello”, concluíu o rexedor.
O Concello do Porriño reafirma así a súa aposta por un modelo de desenvolvemento sostible, inclusivo e eficiente, en liña coa Axenda Urbana 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, consolidando a Torneiros como un espazo máis habitable, seguro e ambientalmente responsable.



