HomeVigoO PorriñoO Concello do Porriño anuncia os gañadores do Concurso Escolar de Carteis...

O Concello do Porriño anuncia os gañadores do Concurso Escolar de Carteis dun Entroido 2026 dedicado a Cuquín

- Anuncio -spot_img
  • O autor do cartel gañador absoluto participará no pregón do Entroido 2026, unha edición que rende homenaxe a Cuquín, figura moi querida e símbolo desta festa

O Concello do Porriño vén de facer público o fallo do xurado do Concurso Escolar de Carteis do Entroido 2026, unha iniciativa coa que se recoñece un ano máis a creatividade, a imaxinación e o talento artístico da rapazada do municipio. No marco deste anuncio, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, está a trasladar persoalmente nos centros educativos o resultado do certame, compartindo co alumnado gañador este recoñecemento.

Segundo explica o rexedor, “o Concurso de Carteis do Entroido é unha maneira de implicar á mocidade na nosa cultura, na nosa lingua e nas tradicións que nos definen como pobo, ao tempo que se fomenta a creatividade dende idades temperás”.

Tras examinar os carteis presentados e logo da deliberación do xurado, que decidiu por unanimidade seguindo criterios de orixinalidade, beleza artística e emprego da lingua galega, acordouse conceder os premios nas tres categorías establecidas. Na categoría de 6 a 8 anos resultou gañadora Yael Pérez Romero, de 7 anos, alumna de 2º de Educación Primaria do colexio Cruz-Budiño, obtendo o segundo premio Vera Fernández Rodríguez, de 8 anos, de 3º de Educación Primaria do colexio Hermanos Quiroga, e o terceiro premio Xabi Álvarez Rama, tamén de 8 anos e alumno do mesmo centro.

Na categoría de 9 a 12 anos o primeiro premio foi para Álex Lago Alonso, de 11 anos e alumno de 6º de Educación Primaria do colexio Xosé Fernández López; o segundo premio recaeu en Mario Romero Pérez, de 9 anos e alumno de 4º de Educación Primaria do colexio Hermanos Quiroga; e o terceiro premio foi para Mario Pintos Romero, de 12 anos e alumno de 1º de ESO do colexio Santo Tomás.

Na categoría de 13 a 16 anos o primeiro premio foi para Javier Fernández Alonso, de 14 anos e alumno de 3º de ESO do colexio Santo Tomás, que se converte ademais no gañador absoluto e autor da imaxe oficial do Entroido do Porriño 2026; o segundo premio foi para Lizar Alonso Martínez, de 13 anos e alumno de 2º de ESO do colexio Hermanos Quiroga; e o terceiro premio para Daniela Rodríguez Blanco, de 14 anos e alumna de 3º de ESO do colexio Santo Tomás. Ademais, o xurado concedeu un accésit á creatividade e/ou diversidade a Dunia Pérez Méndez, de 19 anos, da entidade ACEESCA, por unha obra que destacou pola súa visión única e enfoque especialmente orixinal.

O cartel gañador absoluto ten este ano un significado moi especial, xa que representa a Cuquín, antigo traballador municipal e figura moi querida pola veciñanza, a quen se lle rende homenaxe neste Entroido 2026. Xunto coa presentación dos carteis, o Concello deu a coñecer tamén a lona oficial do Entroido, que nesta edición leva a imaxe de Cuquín, símbolo durante anos desta tradición e presenza imprescindible nos entroidos do Porriño. Falecido hai uns meses, será lembrado cunha homenaxe especial durante o Enterro da Sardiña, como mostra de respecto e gratitude polo seu legado.

Alejandro Lorenzo destacou que “este cartel é unha mostra do cariño colectivo cara a Cuquín, que era o entroido en persoa, e do significado profundo que ten esta festa que une xeracións e mantén viva a nosa identidade”.

Os premios aos dez participantes serán entregados o xoves 5 de febreiro ás 18:00 horas na sala de Comunicacións do Concello do Porriño. A persoa autora do cartel escollido como imaxe do Entroido do Porriño 2026 será unha das pregoeiras da festa e, xunto co resto das persoas premiadas, poderá acompañala no balcón da Casa Consistorial o sábado 14 de febreiro de 2026. Todos os carteis serán expostos ao público no Centro Cultural Municipal.

Publicacións Relacionadas