- O sistema VioGén mantén 60 casos activos no partido xudicial do Porriño
- A Garda Civil rexistrou 782 infraccións penais en 2025, con máis de 300 feitos esclarecidos e un aumento das actuacións en materia de drogas
- A Policía Local realizou 50 detencións o ano pasado e reforzou a actuación en delitos xudiciais, seguridade viaria e violencia de xénero
O Concello do Porriño celebrou esta mañá a Xunta Local de Seguridade, na que se fixo balance dos datos en materia de seguridade correspondentes a 2025 e ao inicio de 2026, así como unha análise específica da situación da violencia de xénero no partido xudicial do Porriño.
A reunión contou coa presenza do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; da xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación do Goberno, María José Rodríguez Pérez; do tenente coronel Óscar Grañas e do tenente comandante da Garda Civil do Porriño, David Mejuto; do capitán da Garda Civil e xefe da Compañía de Vigo, Rafael Antonio Pereira; do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; do concelleiro de Seguridade, Abel Estévez; do tenente de alcalde, Carlos Martínez; e do secretario do Concello do Porriño, Eduardo Portela.
No que respecta aos datos xerais da Garda Civil, durante 2025 rexistráronse 782 infraccións penais, con 315 feitos esclarecidos, ademais de 421 infraccións administrativas. Entre os delitos contabilizados figuran 65 lesións, 183 estafas, 79 furtos e 19 roubos con forza en vivendas. En relación co tráfico ou consumo de drogas, as actuacións pasaron de 112 en 2024 a 136 en 2025.
Pola súa banda, a Policía Local realizou, durante 2025, 50 detencións, das cales 44 foron homes e 6 mulleres, froito dunha maior actividade preventiva e dun traballo coordinado para garantir a convivencia e a seguridade no municipio. O delito con maior número de detencións foi o cumprimento de requisitorias xudiciais, con 24 persoas detidas. Outras actuacións destacadas incluíron delitos de robo con forza, abuso sexual, resistencia ou desobediencia a axentes, violencia de xénero, quebrantamento de medidas cautelares e delitos contra a saúde pública.
No ámbito da seguridade viaria, ao longo de 2025 foron investigados 46 condutores (40 homes e 6 mulleres) por distintos delitos, principalmente relacionados coa condución baixo efectos do alcohol, con 18 condutores investigados, seguido de 9 por carencia de permiso de conducir e 16 por perda de vixencia do mesmo. Ademais, un condutor foi investigado por negarse ás probas de detección alcohólica. Estes datos reflicten o reforzo da prevención e dos controis realizados pola Policía Local, fundamentais para evitar accidentes e garantir a seguridade nas vías públicas.
Balance da violencia de xénero no partido xudicial do Porriño
A Xunta Local de Seguridade analizou tamén os datos relativos á violencia de xénero no partido xudicial do Porriño. No ano 2024 rexistráronse 94 denuncias, mentres que en 2025 a cifra foi de 83. Das 83 denuncias rexistradas en 2025, existen actualmente 60 casos activos no sistema VioGén. Destes, 33 contan con orde de protección en vigor, 6 teñen asignado o servizo telefónico ATENPRO, 58 están catalogados con risco baixo e 2 presentan risco medio.
No seguimento destes casos activos, 17 están supervisados pola Policía Local e 44 pola Garda Civil, no marco da coordinación establecida entre ambos corpos.
No ámbito do financiamento, o Concello do Porriño recibe 29.911 euros procedentes do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, fondos destinados ao desenvolvemento de políticas públicas de prevención, atención e sensibilización.
Durante a reunión, a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación do Goberno, María José Rodríguez Pérez, realizou unha mención expresa ao Centro de Información á Muller (CIM) e á Concellería de Igualdade do Porriño, destacando a boa xestión dos recursos e o traballo continuo no acompañamento ás vítimas e na aplicación de políticas de igualdade.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou a importancia da cooperación e coordinación entre todos os corpos de seguridade: “A cooperación e a coordinación son fundamentais. Quero agradecer aos corpos de seguridade pola súa labor, que moitas veces non se ve, pero que con traballo constante consigue resultados fundamentais para protexer ás persoas e manter a convivencia. O seu esforzo e compromiso son imprescindibles para garantir a seguridade no Porriño.”
Lorenzo puxo tamén en valor a coordinación institucional e o compromiso municipal nesta materia: “A loita contra a violencia de xénero é unha prioridade absoluta. Detrás de cada cifra hai unha persoa que precisa apoio, protección e recursos. No Porriño contamos cun CIM e cunha Concellería de Igualdade que están a facer un traballo rigoroso e comprometido, e seguiremos destinando todos os medios ao noso alcance para protexer ás vítimas.”
O Concello reafirma así o seu compromiso coa seguridade cidadá e coa defensa dos dereitos das mulleres, apostando pola cooperación institucional e pola mellora continua das políticas públicas no municipio.



