O proxecto facilita a inserción laboral de persoas recentemente tituladas ao abeiro do programa Máis Emprega e conta cun cofinanciamento entre a Deputación de Pontevera e o Concello do Porriño que supera os 67.650 euros
O Concello do Porriño reforza os seus servizos de orientación e inserción laboral coa incorporación de tres novas técnicas ao seu equipo municipal no marco dun programa de formación e emprego dirixido a persoas recentemente tituladas.
Desde este mes de xaneiro, Lucía Novoa, Iria González e Ximena Correa xa están a desenvolver o seu labor como técnicas de orientación profesional mediante un contrato de formación. Dúas delas son graduadas en Traballo Social e unha en Educación Social, e participan neste proxecto co obxectivo de adquirir experiencia práctica e competencias profesionais que faciliten a súa incorporación ao mercado laboral.
Esta iniciativa forma parte do programa Máis Emprega e ten como finalidade principal ofrecer unha primeira oportunidade laboral a persoas mozas recentemente graduadas, axudándoas a superar a falta de experiencia profesional, un dos principais obstáculos no acceso ao emprego.
Durante un ano, as tres técnicas realizarán tarefas de acompañamento, asesoramento e orientación ás persoas usuarias dos servizos municipais de emprego, combinando formación teórica e práctica e adquirindo habilidades sociais, comunicativas e profesionais fundamentais para o seu futuro.
O proxecto conta cun cofinanciamento de 67.657,32 euros por parte da Deputación de Pontevedra e do Concello do Porriño, permitindo impulsar unha iniciativa que aposta polo talento novo e polo fortalecemento dos servizos públicos locais en materia de emprego.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia deste tipo de programas para favorecer a inserción laboral da mocidade e reforzar as áreas estratéxicas do goberno municipal: “Estamos a traballar para potenciar dúas áreas fundamentais: Emprego e Formación e Servizos Sociais. Con iniciativas como esta, conseguimos non só que persoas novas poidan desenvolver o seu talento aquí, senón tamén avanzar en plans específicos que melloren os nosos servizos: ampliando aulas de formación con fondos europeos e novos locais e recursos para Servizos Sociais. Potenciamos así áreas clave para este goberno municipal e para o futuro da nosa veciñanza”.
Lorenzo subliñou tamén que “detrás de cada contrato hai un proxecto persoal e profesional, e desde o Concello traballamos para acompañar ese camiño con recursos, apoio e confianza”.
Desde o Concello do Porriño reafírmase o compromiso de seguir impulsando políticas activas de emprego que favorezan a formación, a inserción laboral e a creación de oportunidades reais, especialmente entre a mocidade recentemente titulada, ao tempo que se melloran e amplían os servizos sociais para toda a veciñanza.



