• As modificacións normativas permitirán simplificar trámites e realizar melloras máis rápidas no itinerario xacobeo
O Concello do Porriño poderá levar a cabo novas actuacións e melloras no Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio de forma máis áxil e sinxela gracias ás modificacións introducidas na Lei do Patrimonio Cultural. Estas reformas permitirán simplificar trámites e reducir a burocracia, facilitando a execución de pequenas obras que melloren a seguridade, a accesibilidade e o aspecto do itinerario xacobeo.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que “durante moito tempo, pequenas actuacións no Camiño de Santiago, como a reparación de rúas ou pontes, acumulaban atrasos innecesarios e demorábanse durante meses”. “Agora, coa nova normativa, o Concello poderá autorizar estas actuacións en prazos moito máis curtos, o que permitirá que veciños e visitantes se beneficien rapidamente das melloras”, destacou.
Como exemplo, Lorenzo referiuse á reparación dunha ponte ou á mellora dunha rúa no barrio de San Sebastián, ambas situadas no itinerario do Camiño. “Antes, estas actuacións podían tardar até un ano en obter autorización; agora realizaranse en arredor de 15 días, garantindo unha resposta rápida ás necesidades do territorio e da veciñanza”, indicou.
O rexedor subliñou que esta medida non rebaixa a protección do patrimonio, senón que permite compatibilizar a conservación do Camiño coa súa mellora e o desenvolvemento de actuacións útiles para o municipio. Así, o Concello poderá planificar e executar pequenas obras, mantemento e melloras nas infraestruturas do Camiño de Santiago de forma máis áxil e eficaz.
Con estas modificacións, o Concello do Porriño poderá autorizar directamente actuacións menores en bens con protección estrutural ou ambiental e en zonas catalogadas do Camiño de Santiago que non afecten á traza nin aos seus elementos singulares, mantendo a protección dos bens de maior valor patrimonial.



