- Inclúe recursos materiais e humanos para reforzar a capacidade de resposta, cun equipo de axentes da Policía Local, unha unidade de dron, un vehículo oficial completamente equipado, bombas de achique autónomas e unha autocaravana
- Simultaneamente impulsouse unha recollida solidaria de alimentos e produtos de hixiene persoal e coordinarase coa FVMP o envío destes subministros para a súa distribución entre os afectados.
O Concello do Porriño, atendendo ao chamamento da Generalitat Valenciana realizado a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), puxo á súa disposición un equipo de apoio para colaborar nos labores de emerxencia e rescate no territorio valenciano. Esta axuda inclúe recursos materiais e humanos para reforzar a capacidade de resposta fronte unha situación tan crítica.
A entidade local dispuxo un equipo especializado de axentes da Policía Local, que inclúe unha unidade de dron para labores de procura, rescate e control de zonas afectadas. Os axentes viaxarán en vehículo oficial completamente rotulado, equipado e listo para atender calquera necesidade urxente que se determine nas próximas horas.
Ademais, o Concello de Porriño puxo ao dispor da Generalitat un conxunto de bombas de achique autónomas, que funcionan con gasolina, para axudar a xestionar inundacións e situacións de risco nas zonas afectadas. Así mesmo, mobilizarase unha autocaravana que funcionará como posto de mando avanzado, permitindo establecer un punto centralizado de coordinación en terreo.
De maneira complementaria, lanzouse unha campaña solidaria para recoller alimentos non perecedoiros e artigos de hixiene persoal, en función das necesidades de emerxencia expresadas pola Generalitat Valenciana. A cidadanía poderá achegar a súa axuda no punto de recollida que se habilitará este sábado 2 de novembro – de 10 a 22:30 h- e o domingo 3 de novembro -de 10 a 14:30 h- no Pavillón Municipal , e coordinarase coa FVMP o envío destes subministros para a súa distribución entre os afectados.

