HomeVigoO PorriñoO Concello do Porriño pon en marcha o Programa Integrado de Emprego...

O Concello do Porriño pon en marcha o Programa Integrado de Emprego 2025-2026

- Anuncio -spot_img

A iniciativa conta cun investimento de 275.000 euros, ten unha duración de 12 meses e forma a 100 persoas desempregadas

O Concello do Porriño celebrou unha xornada de presentación do Programa Integrado de Emprego (PIE), un acto de benvida dirixido ao alumnado que inicia próximamente a súa participación nesta iniciativa, marcando así o comezo oficial da súa formación no municipio.

O encontro que tivo lugar no Multicentro de Torneiros serviu como primeiro contacto entre as persoas participantes, o equipo técnico e as institucións implicadas nunha sesión na que se lles explicou o funcionamento do programa, os recursos dos que disporán e os obxectivos que se perseguen ao longo dos vindeiros nove meses.

O acto contou coa presenza da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; do director territorial de Emprego da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Antonio Rodríguez Fachado; da concelleira de Emprego e Formación, Teresa Veloso; e do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que acompañaron ao alumnado nesta primeira xornada formativa.

Durante a sesión, abordáronse cuestións como a organización do programa, os itinerarios personalizados, as accións formativas previstas e o papel da orientación laboral no proceso de inserción. Así mesmo, resolvéronse dúbidas e fomentouse un clima de proximidade e confianza entre as persoas participantes e o equipo responsable.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia deste tipo de encontros para achegar os recursos públicos á cidadanía. “É fundamental que as persoas coñezan de primeira man as oportunidades que teñen ao seu alcance. Esta xornada serve para informar e animar ao alumnado nun programa que pode marcar un antes e un despois na vida laboral de moitas persoas”, sinalou.

O rexedor destacou tamén o valor humano destes programas. “Detrás de cada participante hai unha historia, unha familia e un proxecto de vida. Para nós, este programa non é só unha política de emprego, senón un compromiso real coas persoas”, engadiu.

O Programa Integrado de Emprego conta cun investimento total de 275.000 euros, dos cales o 80% son achegados pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, mentres que o Concello do Porriño financia o 20% restante. A iniciativa estase a desenvolver durante 12 meses, desde outubro de 2025 ata outubro de 2026, e permitirá formar a 100 persoas desempregadas.

O obxectivo de inserción laboral establecido pola Xunta de Galicia sitúase nun mínimo do 42%, o cal ata o de agora sempre se conseguiu, superando incluso esa porcentaxe.

O PIE inclúe accións de orientación individualizada, formación para o emprego, técnicas de coaching e intelixencia emocional, obradoiros de habilidades sociolaborais, preparación de entrevistas, fomento do emprendemento, prospección empresarial, intermediación laboral e prácticas non laborais.

Alejandro Lorenzo puxo tamén en valor o traballo dos técnicos e profesorado do programa e a colaboración institucional. “Este é o terceiro programa consecutivo que desenvolvemos gracias á confianza da Xunta e ao esforzo dos profesionais do programa. Seguiremos apostando por este modelo porque dá resultados reais”, afirmou.

Desde o Concello do Porriño reafírmase o compromiso de seguir impulsando políticas activas de emprego que favorezan a formación, a inserción laboral e a mellora da calidade de vida da veciñanza, facendo do emprego un eixo central do desenvolvemento social e económico do municipio.

Publicacións Relacionadas