Home Vigo O Porriño O Concello do Porriño recibe a Toni Fernández tras acadar dúas medallas...

O Concello do Porriño recibe a Toni Fernández tras acadar dúas medallas de ouro en París co seu mel

0
1
  • O apicultor recibe o recoñecemento municipal tras ser premiado no Paris International Honey Awards pola calidade e o deseño do seu produto

O Concello do Porriño recibiu esta mañá a Toni Fernández, creador da marca galega Puramel Sacra, tras acadar recentemente dúas medallas de ouro no prestixioso certame Paris International Honey Awards, celebrado na capital francesa. Os galardóns foron outorgados á calidade da mel e ao deseño e presentación do produto, sumándose á medalla de ouro conseguida na edición anterior do concurso.

Durante o encontro, o alcalde Alejandro Lorenzo felicitou persoalmente a Toni Fernández e destacou que “estes recoñecementos internacionais amosan que a tradición apícola galega, combinada coa innovación e a calidade, pode competir ao máis alto nivel”. Engadiu que “Puramel Sacra é un exemplo de como o traballo do rural galego proxecta Galicia fóra das súas fronteiras”.

Puramel Sacra foi creada hai tres anos, aínda que a familia Fernández acumula catro xeracións dedicadas á apicultura. O proxecto nace en O Saviñao como homenaxe á avoa de Toni, Pura, e céntrase na produción de mel monofloral de castiñeiro da Ribeira Sacra, cun coidado especial tanto no proceso produtivo como no deseño e presentación, aspectos que foron recoñecidos internacionalmente.

Pola súa banda, Toni Fernández agradeceu o recoñecemento do Concello do Porriño e sinalou que “estas medallas supoñen unha enorme satisfacción persoal e profesional, porque detrás hai anos de traballo, formación e tradición familiar”. Engadiu que “intentar distanciarse da imaxe tradicional que temos todos do mel é clave para que o noso chegue un pouco máis alá e sexa máis apetecible á vista. Estes premios axúdanos a poñer en valor o que se produce en Galicia”.

Desde o Concello do Porriño, reiterouse a importancia de apoiar proxectos emprendedores ligados ao rural e á produción artesanal de calidade, que contribúen a proxectar unha imaxe moderna, competitiva e auténtica de Galicia máis alá das súas fronteiras.