O Porriño impulsou xornadas para promover unha alimentación saudable entro o alumnado dos centros educativos.
O Concello do Porriño desnvolveu por cuarto ano consecutivo as Xornadas Formativas sobre Alimentación Saudable nos centros educativos do municipio, unha iniciativa dirixida ao alumnado de 2º e 3º de Educación Primaria e 2º de ESO co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables na cativada.
As actividades, impulsadas pola Concellería de Sanidade e a OMIX no marco do Plan de Saúde Local e coa colaboración do Sergas, realizáronse en horario lectivo ao longo de catro xornadas nas que participaron case 400 alumnos e alumnas.
A posta en marcha destas formacións responde ao incremento de hábitos alimentarios pouco saudables entre a poboación infantil e xuvenil, asociados ao consumo de produtos ultraprocesados, bebidas azucradas e ao sedentarismo, factores que poden derivar en problemas como sobrepeso, obesidade ou dificultades de concentración no ámbito escolar. A escola constitúe un espazo clave para a adquisición de coñecementos e valores relacionados coa saúde, polo que adaptar os contidos á idade do alumnado permite traballar a nutrición dunha maneira próxima, práctica e comprensible.
As xornadas teñen como obxectivo promover unha alimentación equilibrada e variada, dar a coñecer os principais grupos de alimentos e a súa función no organismo, fomentar unha actitude crítica fronte á publicidade e ao consumo de produtos pouco saudables, sensibilizar sobre a relación entre alimentación, actividade física e benestar xeral e implicar ao alumnado na toma de decisións responsables sobre a súa propia saúde.
Alejandro Lorenzo destacou que actividades como estas teñen un valor esencial para os centros educativos, afirmando que “a escola é un espazo privilexiado para transmitir hábitos de vida saudables, e iniciativas como esta axudan ao alumnado a comprender, de maneira sinxela e práctica, a importancia de coidar a súa alimentación. Investir en educación para a saúde é investir no benestar presente e futuro da nosa mocidade.”
Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa promoción da saúde e coa creación de contornas educativas que favorezan o desenvolvemento de hábitos de vida saudables entre a mocidade.



