O concello do Porriño repartirá 15.000 euros entre as comparsas participantes no Entroido

adminON
Lectura mínima de 3

• O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 31 de xaneiro
• Celebraranse desfiles o sábado 10 e martes 13 de febreiro e o enterro da sardiña terá lugar o mércores 14

O Concello do Porriño xa comezou a conta atrás para a celebración do Entroido. Faino coa aprobación das bases do concurso de comparsas con premios á participación nos diferentes desfiles, para o cal está aberto o prazo de inscrición de todas aquelas agrupacións integradas por un mínimo dunha ducia de persoas, establecéndose dúas modalidades; infantil (ata 12 anos) e adultos (de 13 anos en adiante).
As inscricións poderán presentarse, con prazo ata o 31 de xaneiro, de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño
A cantidade máxima destinada aos premios de participación fíxase en 15.000 euros, que se repartirán ata acadar dita cifra seguindo rigorosamente a orde de inscrición. Aquelas comparsas que desexen participar no Entroido fóra deste orzamento ou fóra de prazo, poderán facelo pero sen opción ao premio por participación. O importe de cada premio determinarase segundo o número de compoñentes da comparsa e que será de 300 euros para aquelas de 12 a 19 integrantes, 550 euros para as compostas por entre 20 e 39 persoas, 850 euros para a de 40 a 55 compoñentes, 1.000 euros para as de 56 a 85 integrantes e para aquelas de 86 compoñentes en adiante a contía entregada será de 1.200 euros.
As comparsas que aspiren ao premio de participación teñen a obriga de estar inscritas e participar nos desfiles do sábado 10 de febreiro e do martes de Entroido, así como no acompañamento do enterro da sardiña, o mércores de cinsa.
O testamento da sardiña será redactado polas comparsas, pero sen carácter obrigatorio; tamén poderá participar a veciñanza que así o desexe. O testamento deberá presentarse no primeiro andar do Centro Cultural Municipal nun sobre pechado e dirixido á Concellería de Festas, ata o 31 de xaneiro, en horario de 09.00 a 14.00.

Comparte este artigo