O Goberno local repartirá nos vindeiros días máis de 20.000 manteis de papel e mapas con QR para dar a coñecer máis de 100 quilómetros de espazos que aúnan patrimonio, beleza paisaxística e gran riqueza medio ambiental e histórica
O alcalde, Jacobo Pérez, explica que os oito roteiros, todos eles circulares, parten da Carballeira e coa súa promoción “o que se busca é reforzar e desestacionalizar a actividade económica máis alá do verán”
O Concello de Caldas de Reis lanza, en colaboración coa Asociación de Hostalería e co comercio local, unha ambiciosa campaña de promoción para dar a coñecer máis de 100 quilómetros de sendas, adaptadas para ser percorridas a pé, en bicicleta ou mesmo facendo paseos a cabalo. Son, en total, oito roteiros diferentes, con extensións que van dos 9 ao 15 quilómetros, e que parten do Xardín Botánico. Para potenciar a súa visibilidade, o Goberno local repartirá nos vindeiros días máis de 20.000 manteis de papel entre negocios hostaleiros, así como mapas en hoteis e establecementos comerciais, nos que se inclúe un código QR con toda a información sobre estes espazos. Esta iniciativa está impulsada co obxectivo de potenciar e desestacionalizar a actividade hostaleira e comercial en Caldas máis alá do verán. O alcalde, Jacobo Pérez, mantivo este pasado martes unha reunión con representantes destes sectores, así como de responsables de diferentes asociacións e entidades deportivas e multiaventura, para perfilar os detalles da campaña. O rexedor recordou que “esta é unha iniciativa na que levamos traballando da man destes axentes sociais e económicos desde hai xa moito tempo, dentro da folla de ruta que nos marcamos para potenciar a actividade económica na vila máis alá do verán”. Esta campaña de promoción tamén inclúe o lanzamento dun espectacular vídeo promocional a través das redes sociais do Concello e dos axentes participantes no proxecto.
Un dos grandes atractivos desta proposta é que todas as sendas pódense conslultar de xeito gratuíto en Wikiloc, unha aplicación que goza dunha gran popularidade entre os e as amantes do sendeirismo. Isto permitirá a calquera persoa consultar as descricións dos percorridos, acadar información sobre os tempos estimados de cada actividade ou acceder a outras ligazóns de interese.
O encargado de achegar e adaptar esta información foi Javier Piñeiro. Nesta ‘app’ os usuarios e usuarias poderán atopar toda a información relacionada con varias sendas circulares que pasan polas diferentes parroquias do concello e que teñen como punto de partida un emprazamento tan emblemático como é a entrada ao Xardín Botánico e á Carballeira, espazo que está declarado como Ben de Interese Cultural (BIC). Os oito sendeiros suman 108 quilómetros de extensión. Todos estes roteiros son de carácter circular e están conectados entre si, o que permite aos camiñantes combinalos e voltar ao punto de partida sen necesidade de cubrir as distancias completas. “Este é un proxecto que combina natureza, deporte e esencia local”, indicou Jacobo Pérez, que fixo fincapé en que coñecer estas sendas “é o plan perfecto para gozar de Caldas de Reis en calquera época do ano”, xa que á actividade en si súmaselle a posibilidade de gozar coa gastronomía local, aloxarse na vila termal ou facer compras. O feito de que o punto de saída se atope no Xardín Botánico é outra gran vantaxe, xa que ofrece espacios de estacionamento nas proximidades do centro da localidade.
O rexedor caldense lembra que un dos obxectivos prioritarios do Goberno local é achegar e consolidar ferramentas que axuden a consolidar a actividade hostaleira e comercial máis alá do verán. “Aquelas persoas que veñan a gozar destas sendas teñen a oportunidade de pasar o día na nosa vila, gozando da nosa gastronomía ou da oferta termal que temos”, explicou, ao tempo que destacou o papel decisivo que xogan os propios establecementos achegando os mapas informativos á clientela. Pérez Gulín tamén agradeceu e puxo en valor a boa sintonía existente entre o Concello e os sectores dinamizadores locais, que permiten impulsar propostas e accións encamiñadas a manter un fluxo de visitas e de actividade o máis estable posible non só no verán, senón tamén entre marzo e xuño e setembro e final de ano.
As sendas
As sendas que forman parte desta rede son as seguintes:
- Ruta das Pedras: 13,36 quilómetros
- Camiño e Bosque: 14,24 quilómetros
- Arcos: 15,02 quilómetros
- Fábrica da Luz e San Andrés de César: 11,70 quilómetros
- Ruta dos Campaneiros: 8,90 quilómetros
- Ruta pola Vía Verde: 14,06 quilómetros
- Fervenza de Segade: 15,50 quilómetros
- Godos: 15,41 quilómetros
- Jacobo Pérez explica que estes espazos son “a forma perfecta para coñecer a riqueza patrimonial e paisaxística de Caldas de Reis, ademais da nosa tradición e esencia como pobo”, ao combinar elementos arquitectónicos históricos, fervenzas e árbores milenarias. As ruinas da Fábrica da Luz, o río Segade, a Ponte Romana ou o Monte Xiabre son só algúns dos seus atractivos. “Proxectos coma este axudan a consolidar o noso concello como lugar de referencia dentro da comarca e da provincia de Pontevedra”, finalizou.