HomePontevedraO Concello encarga o estudo integral da avenida de Compostela e da...

O Concello encarga o estudo integral da avenida de Compostela e da N-550 até Alba

- Anuncio -spot_img

César Mosquera subliña que o obxectivo da asistencia técnica é redeseñar a antiga N-550, dende Pasarón até Alba, garantindo a permeabilidade e resolvendo a conexión co Campus.

O Concello de Pontevedra vén de iniciar a contratación dun estudo para redeseñar a avenida de Compostela e o tramo da N-550 até a parroquia de Alba. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera deu conta esta mañá na Comisión de Mobilidade e Infraestruturas desta contratación para facer “un estudo en profundidade” de todo o ámbito, que abarca dende a glorieta de Pasarón até o cruzamento coa PO-225 co propósito de transformar a antiga vía interurbana -cando menos no seu tramo máis urbano- nunha avenida municipal plenamente integrada na cidade.

O concelleiro Mosquera destacou a complexidade do desafío, xa que a vía constitúe un impedimento para a mobilidade e accesibilidade de peóns e ciclistas. De feito referiuse a que non se busca “soamente o tratamento superficial” senón a unha integración.

Un dos puntos esenciais que se debe resolver é a conexión co Campus dada a alta afluencia de estudantes que se desprazan a pé ou en bicicleta. Actualmente, o paso a través da travesía Francisco Asorey faise mediante un caixón (túnel) de 30 metros de lonxitude e 2,50 metros de ancho, que carece de beirarrúas e iluminación, ofrecendo “unhas condicións pésimas para garantir o acceso de peóns coas mínimas garantías de seguridade”.

Ademais, o estudo ten que definir as seccións de beirarrúas, calzadas e sobranchos, identificar lugares de atracción para propoñer pasos de peóns e elementos de calmado de tráfico, a supresión da pasarela elevada na glorieta de Pasarón creando un itinerario a nivel, o estudo da glorieta de Médico Ballina, a modificación da iluminación pública con atención a plantación de árbores, vexetación e mobiliario urbano, ou completar o mapa dos servizos soterrados na zona (sumidoiros, abastecemento, rede de pluviais…).

A asistencia técnica ten un prazo de execución estimado en seis meses e un orzamento máximo de 18.029 euros

Mosquera reiterou o gran potencial que a cesión abre para a zona norte da cidade: “creo que é unha zona que nos pode abrir unhas posibilidades que ao non ser unha vía municipal practicamente non existían e limitaba moito”.

Cesión
A cesión do tramo da antiga estrada N-550 ao Concello, que fai posible este estudo integral, formalizouse o 13 de febreiro de 2025. Este treito ten unha lonxitude de 3.220 metros e unha superficie de dominio de 114.087 m².
Os beneficios da cesión para todo o ámbito son

  • Liberación de edificabilidade e desenvolvemento urbano: máis dun cento de edificacións (vivendas ou naves) en zonas como A Ferreira, Cendona e Touceda, así como parcelas na propia avenida de Compostela, quedan liberadas da afectación de Estradas do Estado. Estas pasan a rexerse polo Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU), abrindo a posibilidade de edificabilidade (estimada en máis de 1.000 vivendas na marxe esquerda da avenida).
  • Mellora da seguridade viaria e integración urbana: permítese a integración urbana da vía, concibida anteriormente como unha “vía pechada”, transformándoa nun espazo de convivencia.
  • Construción da Variante de Alba: a cesión permite ao Concello pór á disposición da Xunta de Galicia os terreos necesarios para a construción da Variante de Alba. Esta variante é crucial para resolver a eiva viaria do norte da cidade, especialmente o problema de falta de gálibo na estrada autonómica PO-225 que afecta a vehículos pesados e peregrinos.

Publicacións Relacionadas