O fuste foi esnaquizado en dez pedazos que Luis Arosa, concelleiro de Servizos, estuda con Patrimonio o xeito de restaurar
O goberno local de A Illa formalizou esta mañá no posto da Guardia Civil de Vilanova a denuncia polos destrozos vandálicos no cruceiro situado na rúa do mesmo nome acontecidos na madrugada deste domingo e que conforman un delito contra o patrimonio histórico.
Dará comezo así unha investigación que, segundo confirma o concelleiro de Servizos, Luis Arosa, levará aos axentes a buscar testemuñas que permitan identificar ás persoas implicadas no acontecido cun cruceiro catalogado no Plan Xeral e que data do século XIX.
O atentado contra o cruceiro deixou a súa cruz esnaquizada en dez anacos que o Concello de A Illa custodia no almacén municipal á espera de coordinar con Patrimonio como proceder a súa restauración. A primeira intención de Luis Arosa é devolver o conxunto ao seu estado orixinal, recompoñendo os anacos ata formar unha única peza que volva coroar o cruceiro. De non ser posible, Arosa aposta pola súa reposición artesanal.
O cruceiro está formado por dous escalóns e unha base rectangular, un fuste de sección cadrada e capitel dórico con dobre imaxe, a da virxe mirando cara a rúa Agro da Porta e a de Xesucristo mirando cara a rúa Salga.
O concelleiro considera “inaceptable” que se atente contra o patrimonio común con total impunidade e solicita á veciñanza colaboración cidadán tanto para esclarecer estes feitos como para velar pola súa conservación, tanto de elementos históricos como das obras novas que se están a executar.



