HomePontevedraO Concello impulsa a execución das obras de urbanización pendentes no polígono...

O Concello impulsa a execución das obras de urbanización pendentes no polígono de Cartas

- Anuncio -spot_img

– Trátase dunha zona residencial de promoción privada na parroquia de Vilar de Infesta. O proxecto de urbanización remóntase aos anos 90, pero a día de hoxe aínda quedan obras de urbanización pendentes, o que supón un prexuízo para os veciños e veciñas do polígono.

– Logo de expirar o prazo dado á promotora, o Concello contratou unha valoración das obras que restan por executar. Este informe permitirá ao Concello proceder, no seu caso, á execución subsidiaria “e dar unha resposta a unha situación que se arrastra desde hai demasiado tempo”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

O Concello de Redondela impulsa a execución das obras pendentes na zona residencial do polígono de Cartas. Desde a concellería de Urbanismo deuse un paso firme para poñer fin á situación que desde hai anos afecta aos veciños e veciñas desta zona. Trátase dun polígono residencial de promoción privada na parroquia de Vilar de Infesta. O proxecto de urbanización data dos anos 90, pero a día de hoxe aínda quedan obras de urbanización pendentes de executar, como tramos de beirarrúas e acometidas de abastecemento e saneamento.

Os técnicos municipais e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, mantiveron diversas reunións coa promotora e requiríronlle en reiteradas ocasións “que asumise as súas obrigas e completase as actuacións necesarias”. Neste marco, na última reunión na que tamén participou a alcaldesa, Digna Rivas, concedeuse un último prazo á promotora para acometer as obras “e o prazo expirou a mediados do mes pasado”, explica Cabaleiro. Ao constatar que a promotora non iniciou a execución dos traballos pendentes, o Concello decidiu actuar “por responsabilidade, para dar unha solución aos veciños e veciñas”, afirma Rivas. Co obxectivo de garantir unha solución definitiva contratouse a un enxeñeiro especializado a valoración técnica e económica das obras que restan por executar. Este informe permitirá ao Concello proceder, no seu caso, á execución subsidiaria “e dar unha resposta a unha situación que se arrastra desde hai demasiado tempo”, explica a alcaldesa. A execución subsidiaria é unha ferramenta de “execución forzosa” da que dispoñen as administracións públicas para levar a cabo accións que o particular ou empresa que ten a obriga non cumpre voluntariamente.

Reitérase así a vontade do Concello de dar unha solución definitiva “e de defender o interese dos veciños e veciñas” desbloqueando unha situación que leva enquistada décadas.

Publicacións Relacionadas