HomePontevedraBaixo MiñoO Concello impulsa o emprendemento local coa licitación de catro postos no...

O Concello impulsa o emprendemento local coa licitación de catro postos no Mercado de Tomiño

- Anuncio -spot_img

As persoas interesadas terán ata o vindeiro 13 de novembro para presentar as súas ofertas

Comezar un proxecto propio nunca foi tan doado: catro novos postos no Mercado Municipal de Tomiño buscan xente con ganas de emprender e continuar dando vida a un dos espazos máis emblemáticos da vila. O Concello acaba de sacar a licitación a concesión destes postos, unha oportunidade clave para dinamizar o comercio local e seguir fortalecendo o tecido económico do municipio.

Neste proceso ofértanse catro postos de diferentes características na praza de abastos. Na planta baixa será un local de 16,45 m² destinado a tenda de alimentación e outro de 16,50 m² destinado a peixería. Por outro lado, no primeiro andar poderá optarse a un espazo de 12,05 m² para alimentación, elaboración e venda de produtos doces e salgados e outro de 20,60 m² para venda polo miúdo en xeral de produtos alimentarios ou non.

As persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro mércores 13 de novembro de 2025 ás 14.00 h no Rexistro do Concello de Tomiño de forma electrónica ou presencial (de luns a venres, de 09.00 a 13.00 h) ou por correo certificado, indicando a remisión e a xustificación da data de envío mediante fax, telefax ou telegrama no mesmo día.

Coa posta en marcha destes novos postos, o Concello busca ampliar a oferta dispoñible e dar continuidade ao proceso de revitalización e dinamización dos mercados municipais, espazos que contan co Selo de Excelencia e que destacan polo seu carácter acolledor, moderno, céntrico e ben acondicionado, pensados para favorecer o traballo das persoas praceiras e ofrecer un servizo de calidade á veciñanza.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou a importancia desta convocatoria “coa que o Concello quere facilitar que novas iniciativas comerciais poidan xurdir e medrar aquí, no noso municipio. O mercado é un punto de encontro fundamental e unha oportunidade extraordinaria para empregar talento local e fortalecer o comercio de proximidade”. A rexedora engadiu ademais que “continuaremos traballando para que os nosos mercados sexan espazos vivos, activos e integradores, onde a veciñanza poida atopar produtos de calidade e as persoas emprendedoras teñan todas as facilidades para poñer en marcha o seu proxecto”.

Publicacións Relacionadas