O Concello inicia a contratación dunha nova área de recreo de 650 metros cadrados no parque das Regas

adminON
Lectura mínima de 4

Xaquín Moreda, responsable das áreas infantís, visitou esta mañá o remodelado parque da Illa do Covo no  que o seu departamento fixo un investimento de máis de 46.000 euros.  

Neste momento, o Concello xa ten reparadas sete áreas infantís da cidade, e está en carteira actuar  noutros sete parques máis para adaptalos á normativa vixente.  

Ademais do mantemento dos parques, froito dunha diagnose ordenada polo alcalde hai uns meses,  Xaquín Moreda pon en marcha a creación dunha nova área no parque das Regas que ampliará a actual  zona de xogos infantís e mellorará o espazo de lecer. 

O Concello de Pontevedra vén de iniciar o proceso de contratación dunha nova área infantil na praza das  Regas, no barrio de Valdecorvos, cun investimento de 145.000 euros. Así o confirmou esta mañá o concelleiro  Xaquín Moreda, responsable dos Servizos urbanos básicos, entre os que se atopan os parques infantís. Este  anuncio fíxoo durante a visita ao parque infantil da Illa do Covo, situado ao carón dos campos de fútbol da  Xunqueira.  

Ámbalas dúas actuacións responden á orde do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de manter en perfecto  estado de uso estas áreas infantís. Xaquín Moreda recordou que a Xunta de Goberno do Concello aprobara a  elaboración dunha diagnose e arranxo dos parques infantís de Pontevedra. A diagnose está en marcha e xa  están arranxados os parques da Illa do Covo, a rúa Fonte Santa, Ponte Boleira, a Corborana, a Praza Oito de  Marzo (Eduardo Pondal), a Praza da Regas e Luís Otero. E a previsión fixa que os seguintes serán as dúas áreas  de xogo das Palmeiras, parque dos Soutos, Maruxa Mayo, o Parque de Europa, o miradoiro de Monte Porreiro  e Ernestina Otero Sestelo.  

Xaquín Moreda explicou que a intervención da Illa do Covo é “das máis vistosas porque é un parque moi  empregado”. O servizo que xestiona Moreda fixo unha mellora integral, a reparación do pavimento  botándolle grava e xabre onde fixou falta, reposición das travesas de contención dos pavimentos, a  restauración e pintado dos elementos de xogo e a restauración do mobiliario. O custe da reforma foi de  46.646 euros “e xa queda certificado para cumprir as normativas de seguridade”.  

O concelleiro adiantou que ademais da diagnose e reparación dos parques infantís, a súa Concellaría tamén  está a promover a creación de novas áreas infantís ou a ampliación das existentes, non soamente o  mantemento. Avanzou que está en proceso de contratación un proxecto dun novo parque na praza das  Regas.  

En realidade trátase dun parque de xogos e a mellora ambiental da zona. Consistiría na instalación dun peche  dunha área de 650 metros cadrados onde se atopa o actual parque infantil que se ampliará con novos xogos.  A Concellaría deixa nas mans do licitador o deseño da área, aínda que debe cumprir requisitos como xogos  adaptados e accesibilidade. A zona complétase con mobiliario público.  

O investimento previsto para esta nova área de recreo é de 145.000 euros.

Comparte este artigo