HomePontevedraPoioO concello inicia a entrega dos novos composteiros individuais para a veciñanza...

O concello inicia a entrega dos novos composteiros individuais para a veciñanza de Poio

- Anuncio -spot_img

• O edil de Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeG-PSOE), participou este xoves nunha charla explicativa sobre o uso destes recipientes e lembra a importancia de apostar pola compostaxe para continuar incrementando a porcentaxe de restos reciclados

O concelleiro de Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeGPSOE), fixo entrega este xoves dos primeiros Composteiros Individuais (COINs) a preto de medio cento de veciños e veciñas que tramitaron a pertinente solicitude para dispoñer destes recipientes de compostaxe. O edil do Goberno local lembra que o Concello tramitou no seu día a adquisición de 800 de composteiros con aireador, que se irán recibindo en lotes de 200. A empresa especializada Berca Group é a encargada de subministrar estes dispositivos, logo de obter a puntuación máis alta no proceso de adxudicación, ao cal aspiraron un total de seis firmas.

Casás Barral sinalou que a entrega destes COINs levarase a cabo de xeito periódico e escalonado. Terán preferencia aquelas persoas que xa dispuñan destes recipientes en casa e que solicitaron a súa renovación, así como veciños e veciñas de Poio que xa tramitasen a solicitude. Neste sentido, o responsable de Servizos Municipais recorda que a adquisición dos composteiros individuais é totalmente gratuíta. Pódense solicitar poñéndose en contacto coa mestra composteira ou chamando ao 986770001. Ademais de facer entrega destas primeiras 50 unidades, Julio Casás aproveitou a cita, que tivo lugar no Centro de Formación da Reiboa, para impartir, xunto coa propia mestra composteira, unha pequena charla informativa para explicar a montaxe e o uso destes recipientes.

Ademais, o concelleiro socialista lembrou os beneficios que supón a práctica de compostar, tanto no coidado do medio ambiente como a efectos económicos, xa que a través deste proceso redúcese as toneladas de residuos que se envían a Sogama, o que supón unha bonificación do 10% no canon pola xestión de restos urbanos, acadando un aforro de algo máis de 50.000 euros. A charla tamén se centrou en cuestións como en que emprazamentos se deben situar estes composteiros individuais (en superficies niveladas e cómodas, que teñan un punto de auga preto e que, a ser posible, estean tamén próximas á cociña) e o tipo de residuos que se poden utilizar para a compostaxe.

Outro dos aspectos nos que incidiron tanto Julio Casás como a mestra composteira foi no feito de que o fomento da compostaxe supón unha redución de case o 50% da bolsa do lixo.

“O compost resultante é de calidade e pode ser utilizado para o coidado de macetas, hortas e árbores e plantas dos nosos xardíns”, apuntou o titular de Servizos Municipais, que, unha vez máis, amosou a súa satisfacción e agradecemento pola “enorme implicación que está a ter a veciñanza de Poio á hora de apostar por este proceso, que é básico para garantir un maior respecto polo medio ambiente”. Neste aspecto, Casás Barral tamén lembrou a importancia de dar cumprimento ás normativas correspondentes, que a curto prazo esixirán unha maior porcentaxe de restos reciclados.

Outra cuestión na que incidiu Julio Casás durante a cita deste xoves foi na importancia da separación de residuos. “En Poio contamos con servizos como o Punto Limpo Móbil ou a recollida de voluminosos, que están a disposición de toda a cidadanía”. Mentres que o dispositivo móbil percorre todas as parroquias de Poio semanalmente (o calendario pódese consultar na páxina web do Concello), no caso da recollida a domicilio é posible solicitalo chamando ao 986771185, en horario de 9.00 a 13.00, de luns a venres.

Publicacións Relacionadas