HomePontevedraPoioO concello inicia a licitación da contorna de Anafáns cun orzamento superior...

O concello inicia a licitación da contorna de Anafáns cun orzamento superior aos 220.000 euros

- Anuncio -spot_img

• O proxecto está promovido pola Concellería de Urbanismo e Promoción Económica, dirixida polo socialista Gregorio Agís, e contempla a ampliación da estrada, a dotación de espazos para peóns e novas prazas de estacionamento nas inmediacións do Centro de Saúde

• Agís tamén pasou revista ás tarefas de mellora no firme da Praza Alfredo Romay de Samieira

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, o socialista Gregorio Agís, vén de anunciar a apertura do proceso de licitación para adxudicar a mellora que o Concello levará a cabo na contorna de Anafáns, na parroquia de San Salvador, a través dun proxecto elaborado por este departamento municipal. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto durante as vindeiras semanas. O orzamento total da obra está cifrado en máis de 220.000 euros, que se financian a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Tal e como lembra Gregorio Agís, esta actuación dará continuidade á batería de traballos que xa se están levando a cabo noutros núcleos de relevancia da parroquia de San Salvador, como son Adro-A Porteliña ou Portosanto-Saíñas-A Puntada. Ao igual que nestes proxectos, en Anafáns tamén se apostará por dar prioridade á seguridade peonil, ao tempo que se habilitarán novas prazas de aparcamento nas proximidades do Centro de Saúde. Ademais, procederase á ampliación da vía. “Consideramos de vital importancia sacar adiante este proxecto, habida conta da necesidade de rehabilitar unha área de tanta importancia como é a contorna de Anafáns, non só polo emprazamento do Centro de Saúde, senón tamén por acoller a un gran número de residentes e de establecementos e negocios de todo tipo”, sinala o responsable de Urbanismo e Promoción Económica.

O edil do PSdeG-PSOE recorda que, unha vez que comecen as obras, haberá a disposición das persoas residentes un aparcadoiro disuasorio nas proximidades, que, de feito, xa se está a utilizar para dar servizo desde o inicio dos traballos de mellora que se están levando a cabo no Adro e na Porteliña.

Por outra banda, Gregorio Agís tamén visitou este luns a Praza Alfredo Romay, na parroquia de Samieira, onde o Concello está levando a cabo tarefas de mantemento e reparación nalgunhas zonas deste emblemático espazo público. “Detectamos unha serie de deficiencias que xa se están a arranxar, para que este punto de encontro habitual da veciñanza estea nas melloras condicións”, sinalou o socialista.

Publicacións Relacionadas