• O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro (BNG), informa de que, unha vezn reciba o visto bo do Pleno, remitirase á Xunta de Galicia a proposta da estrutura de custes contemplada dentro da concesión do servizo municipal do ciclo da auga
• O futuro contrato contempla preto de 14 millóns de euros en investimentos, para actuacións como a dotación de servizos básicos a núcleos como Fragamoreira e Vilariño, ademais da renovación e mellora de infraestruturas noutros puntos do municipio, que a día de hoxe ten cubertas estas prestacións en preto do 90% da súa extensión
O concelleiro de Facenda e Economía, o nacionalista Xulio Barreiro, informa de que o Concello de Poio remitirá proximamente á Xunta de Galicia a proposta de estrutura de custes do novo contrato do ciclo da auga. O documento será levado ao Pleno ordinario de decembro, que terá lugar este martes 27 (19.30 horas) e, unha vez obteña a aprobación provisional, será enviado á Administración autonómica para que lle dea o seu visto bo. “Trátase dun paso máis á hora de completar toda axestión previa á licitación e adxudicación do servizo”, apunta o edil do Goberno municipal.
Barreiro Lubián recorda que o futuro contrato contén unha previsión aproximada duns 14 millóns de euros en investimentos para a execución de obras de calado, como é a dotación de servizos básicos a núcleos como os de Fragamoreira ou Vilariño, ao tempo que se renovarán estruturas e tubaxes correspondentes a outras zonas do municipio.
Unha vez se acometan estas actuacións “estaremos en disposicións de chegar a preto do 100% do termo municipal no que a abastecemento e saneamento se refire”, sinala o responsable de Facenda, que lembra que a día de hoxe esta porcentaxe xa rolda o 90%, grazas ás diferentes obras e traballos impulsadas polo Concello nos últimos tempos, especialmente no ámbito do rural.
Segundo se establece no devandito estudo de custes do contrato, no correspondente ao saneamento figura unha previsión que ascende 1.336.000 euros, para garantir unha cantidade de 935.000 metros cúbicos anuais. No aso do saneamento, a cifra está moi preto de acadar os 1,5 millóns de euros, equivalente a 1.130.000 metros cúbicos anuais.
Xulio Barreiro lembra que a aprobación por parte da Xunta de Galicia deste documento é un dos últimos pasos a completar e que “resulta indispensable para acometer a licitación do contrato, que confiamos en poder adxudicar en poucos meses”. Cómpre lembrar que a día de hoxe o Concello de Poio xa conta co pertinente estudo de viabilidade, ademais de finalizar a elaboración do pliego de condicións.



