– A concellería de Igualdade do Concello de Redondela ofrece unha formación dedicada á igualdade de oportunidades para futuros e futuras profesionais que cursan ciclos de FP. Impártese nos institutos públicos redondeláns que contan con ciclos de FP e os participantes recibiren un diploma acreditativo con total validez académica e puntuable en calquera oposición.
– O obxectivo desta formación é sensibilizar a homes e mulleres “na perspectiva de xénero e o valor da igualdade como eixo para o desenvolvemento social”, explica a alcaldesa, Digna Rivas. Desde o goberno local trabállase “para promover a igualdade de oportunidades” polo que ofrecemos esta formación ao alumnado dos institutos de forma directa.
A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, visitaron este mediodía o IES Pedro Floriani, onde alumnado do Ciclo de Electricidade e Electrónica está a participar no curso de Igualdade que promove o Concello. Acompañounas na visita o vicedirector do centro, Eduardo González, xunto coa educadora redondelá Lucía Pereda Pérez que é a encargada de impartir as clases.
Unha vez completada a formación o alumnado recibirá un diploma acreditativo con total validez académica e puntuable en calquera oposición. A alcaldesa Digna Rivas quixo resaltar a importancia deste curso porque “ter formación en igualdade é imprescindible para o futuro laboral na actualidade”. Con todo, para a rexedora o máis importante é educar aos mozos e mozas “na perspectiva de xénero e no valor da igualdade para crear unha sociedade máis xusta e solidaria”.
A concelleira Iria Vilaboa sinala que con este curso “promovemos que profesionais de distintos ámbitos incorporen a perspectiva de xénero nas súas actividades laborais” para conseguir eliminar “a brecha de xénero real”.



