Na mañá do 1 de novembro de 1755 un gran terremoto sementaba o caos e a destrución na cidade de Lisboa. O forte tremor, un dos maiores dos que se ten constancia na historia recente, foi percibido en numerosos puntos da Península Ibérica, incluída Oia. Aproveitando que neste 2025 se cumpren 270 anos do suceso, o Concello programa unha ruta guiada interpretativa na que se explicarán as claves do acontecido e os efectos do sismo na localidade. A cita será o sábado 1 de novembro ás 11.00 horas.
A actividade consistirá nun paseo guiado de arredor de 6 km de lonxitude pola contorna do barrio do Arrabal, nos arredores do Mosteiro, e o Camiño Portugués da Costa. Ao longo do itinerario as persoas participantes irán descubrindo como era a Oia do século XVIII e que danos materiais provocou o tremor no municipio e na súa contorna. Do mesmo xeito, exporase que foi o que sentiu e viviu a veciñanza naquela xornada de estupor, medo e incerteza.
A ruta desenvolverase baixo o título “O día que Oia tremeu” e estará guiada por Amodo Turismo. É gratuíta pero as prazas son limitadas, polo que é preciso apuntarse previamente. Para máis información e inscricións pódese contactar no correo electrónico patri@amodoturismo.com ou ben no teléfono 677.783.296. O prazo para apuntarse remata o xoves 30 e coa inscrición achegarase a información do punto de encontro. En caso de mal tempo a actividade será aprazada.



