– A tiradora do club MeigArco fíxose co ouro no Campionato de España de Sala de arco na modalidade longbow. No seu palmarés figuran tamén dous campionatos estatais, en equipo mixto e individual en anos anteriores, así como numerosos podios en probas autonómicas.
– A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que é “un exemplo” dos resultados que se acadan “con traballo e disciplina”. Mónica Ledo amosouse “moi ilusionada” por este recoñecemento. A próxima cita para a tiradora será na casa, cunha proba en Reboreda o 18 de abril organizada polo club MeigArco.
O Concello de Redondela acolleu este mediodía a recepción á deportista de tiro con arco Mónica Ledo, do club MeigArco de Redondela. A tiradora acaba de gañar a medalla de ouro no Campionato de España de Sala de arco na modalidade longbow en categoría sénior feminina. Ledo, de 50 anos, recibiu o diploma “Orgullo redondelán” e a insignia do Concello de mans da alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, como recoñecemento polo seu traballo e méritos deportivos a nivel estatal. A deportista, que comezou a practicar tiro con arco en 2025, amosouse “moi ilusionada” por este recoñecemento por parte do Concello nun deporte minoritario “no que o adestramento psicolóxico é case máis importante que o físico”. No palmarés de Mónica Ledo figuran outros dous ouros estatais, un no campionato de España ao Aire Libre de 2022 en categoría individual e no 2021 en equipo mixto, así como numerosos podios noutras edicións estatais e en campionatos autonómicos.
A alcaldesa destacou sinalou que Mónica é “un exemplo” dos grandes resultados que se acadan “con traballo e disciplina”. Tanto Rivas como Cabaleiro interesáronse polas próximas citas deportistas de Ledo e o club MeigArco e desexáronlle moita sorte para as citas autonómicas e estatais. A próxima competición será en Reboreda o 18 de abril cunha proba ao aire libre.

