O concello pide a colaboración para esclarecer o roubo da potabilizadora na traída de Vilaboa

adminON
Lectura mínima de 3

Recomenda á cidadanía evitar o consumo de auga do grifo ata que se poida garantir a súa calidade

As instalacións da Comunidade da Traída de Augas de Vilaboa sufriron esta pasada madrugada un brutal acto vandálico e o roubo de todo o equipo de potabilización imprescindible para suministrar auga con garantías para o consumo a un total de 104 vivendas e 320 persoas.

A alarma instalada pola Comunidade da Traída de Augas saltou á 1.42 minutos da madrugada, pero foi ás 6 da mañán cando a persoa responsable do mantemento  se acercou ás instalacións e comprobou tanto os danos ocasionados nas instalacións, que foron forzadas para acceder, como a desaparición dos paneles solares que proporcionaban a enerxía para o correcto funcionamento do equipo de cloración, tamén sustraído así como as baterías e os complementos reactivos necesarios. A Garda Civil investiga xa os feitos e o Concello de Vilaboa solicita á veciñanza de O Toural, Casanova, Cabadachán, Cruceiro, Cañoteira, Outeiro do Gato e O Picho, que non consuma auga da traída ata que se poida volver garantir a súa potabilización.

O roubo deixa tamén sen auga apta para o consumo a varias entidades públicas como o Concello de Vilaboa, o Centro de Saúde, o cemiterio, o CEIP O Toural, a Escola Infantil Galiña Azul, a Oficina de Correos e Protección Civil.

O Concello de Vilaboa solicita tamén a colaboración cidadana para dar coas persoas responsables do roubo destes equipos que Montse Martínez, presidenta da Traída de Augas de Vilaboa, valora en más en 5.000 euros, aos que hai que sumar os danos causados nas propias instalacións, nas que se forzaron cerraduras e se romperon os peches perimetrais.

“Se alguén escoitou o viu algo que poida contribuir á labor de investigación que está a desenvolver a Garda Civil, agradecemos que o comunique”, solicita César Poza, que pide á poboación que “evite o consumo da auga dos grifos ata novo aviso, xa que sen potabilizar non se pode garantir a súa calidade”.

A Traída de Augas de Vilaboa abastécese de 7 mananciais e foi fundada por un grupo de veciños en 1951. O sistema montado entón foi evolucionando cara a rede actual, que aposta pola sustentabilidade e a dixitalización para mellorar a calidade de vida no rural coa dotación dun servizo básico de calidade.

Comparte este artigo