HomePontevedraO Concello pon a punto a cidade coa restauración de bancos, a...

O Concello pon a punto a cidade coa restauración de bancos, a limpeza de farois e o remate das beirarrúas da avenida da Estación

- Anuncio -spot_img

O concelleiro Xaquín Moreda supervisou esta semana distintos traballos de reparación e mellora que o departamento de Servizos urbanos básicos está a realizar tanto no centro da cidade como nos barrios.

Os bancos da Verdura, de Gutiérrez Mellado ou do paseo de Marín, a limpeza e pintado dos báculos de Benito Corbal e Cobián Roffignac foron obxecto da súa visita, pero tamén comprobou o remate da reconstrución das beirarrúas da avenida da Estación.

O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda supervisou esta semana distintas obras de mantemento do espazo público que o Concello está a realizar no centro urbano e nos barrios para mellorar a calidade de vida da veciñanza e a imaxe da cidade. O remate da reconstrución das beirarrúas da avenida da Estación, os traballos de reparación e restauración de bancos en distintos puntos da cidade e a limpeza e pintado de farois públicos en varias rúas son labores que o seu departamento está a realizar aproveitando o bo tempo.

Na avenida da Estación, a reconstrución das beirarrúas encara os últimos traballos para resolver o afundimento polo repisado dos edificios. Esta deficiencia afectou aos servizos soterrados e a situación agravouse polo arborado da rúa que causou o levantamento de lousas e que entraban polas fiestras dos edificios ao estar tan pegadas aos inmobles.

Xaquín Moreda comprobou na súa visita que xa está rematado o segundo tramo da beirarrúa que se foi facendo por fases para afectar o menos posible á veciñanza. A última parte será a plantación de tres novas árbores máis afastadas das fachadas e fóra da liña dos servizos soterrados. A reposición da beirarrúa faise en 71 metros lonxitudinais e ten un custe superior aos 70.000 euros.

Nesta semana o concelleiro tamén se quixo achegar á praza da Verdura e ao paseo de Marín -na zona máis próxima a rúa Manuel del Palacio-, onde o seu departamento restaurou os bancos públicos. Estas dúas intervencións son un exemplo dos traballos que están a realizar aproveitando o bo tempo ás portas do verán.

Ademais destas dúas zonas, o departamento xa actuou noutras como Gutiérrez Mellado e continuará polas rúas Sagasta e Prado Novo, no barrio de Valdecorvos, entre outras.

O procedemento de restauración -na maior parte dos casos-, sempre é o mesmo: retirada das madeiras para tratarse no taller (decapado e vernizado), e pintado dos pés dos bancos in situ. Finalmente se volven a colocar as madeiras.

O concelleiro é consciente dos inconvenientes que este procedemento pode causar pero é a única maneira de que a restauración dos bancos se faga de xeito seguro para cidadáns e para traballadores.

Tamén aproveitando o verán a Concellaría retoma las limpezas de farois do espazo público. Ao igual que os bancos, son melloras que soamente se poden realizar neste tempo xa que o frío, a chuvia e a humidade non permiten que o resultado sexa bo e duradeiro.

Xaquín Moreda achegouse á rúa Benito Corbal e a Cobián Roffignac onde esta semana comezaron as limpezas que consisten na retirada de papeis pegados, adhesivos e graffitis, e no pintado dos báculos. Sen dúbida, a Concellaría ten detectado que se trata dun problema localizado nos espazos onde hai máis concentración de persoas, por iso os traballos continuarán cara Augusto García Sánchez e o primeiro tramo de Loureiro Crespo nos vindeiros días.

O concelleiro aproveitou para recordar que a limpeza dos báculos é un traballo que pode pasar desapercibido pero que repercute de xeito moi importante na imaxe da cidade, por iso volveu a facer un chamamento á veciñanza para que desboten as prácticas de pegar nos farois porque o seu custe é moi elevado.

Publicacións Relacionadas