HomePontevedraPontevedraO Concello prepara os cemiterios municipais para Todos os Santos mellorando a...

O Concello prepara os cemiterios municipais para Todos os Santos mellorando a iluminación e facendo reparacións estruturais

- Anuncio -spot_img

O cemiterio de San Amaro estrea iluminación LED e repara o muro caído en xaneiro, mentres Campañó renova os seus farois. A concelleira Anabel Gulías destaca o traballo da brigada municipal.

O Concello de Pontevedra prepárase para a festividade de Todos os Santos cunha importante batería de actuacións nos seus cemiterios municipais e un investimento que rolda os 100.000 euros. Os traballos céntranse en melloras estruturais e de servizos, especialmente no camposanto de San Amaro, o máis grande do municipio, sen esquecer outros como o de Campañó.

Un dos proxectos máis destacados é a renovación integral da iluminación do cemiterio de San Amaro, cun orzamento de 40.000 euros. Esta actuación, xa en marcha, supón o cambio de todo o sistema a tecnoloxía LED nos paseos centrais da zona nova, así como a mellora da iluminación sobre os panteóns. O obxectivo é ofrecer unha mellor prestación de servizo e seguridade aos veciños e veciñas que visitan os seus defuntos.

Así mesmo, a concellaría que xestiona Anabel Gulías está a acometer a reparación do muro perimetral de San Amaro que colapsou nun tramo duns 20 metros o pasado mes de xaneiro debido a unha importante bolsa de auga. Os traballos, valorados noutros 40.000 euros, consisten na reconstrución da estrutura con pedra. Unha vez finalizada esta fase, o Concello asumirá a reparación das lápidas e cruces que resultaron danadas co incidente, devolvendo a dignidade a esta parte do camposanto.

En carteira está un investimento duns 23.000 euros na renovación de toda a sinalización das rúas do cemiterio de San Amaro. As actuais indicacións, de madeira, non ofrecen a durabilidade adecuada para a intemperie, polo que a concellaría optou por un material metálico moderno pero discreto, acorde coa solemnidade do lugar. Tamén se realizaron xa melloras nas portas e fiestras da oficina de cemiterios, optimizando as condicións de traballo e atención ao público.

Melloras en Campañó e recoñecemento á brigada

No cemiterio municipal de Campañó, a mellora céntrase na renovación da iluminación e dos báculos (farois).

Este traballo está sendo realizado pola propia brigada de cemiterios, que se encarga de lixar e pintar os báculos e de realizar a nova instalación eléctrica co apoio da brigada de electricidade do Concello, para finalmente proceder á súa colocación.

A concelleira responsable de Cemiterios, Anabel Gulías, quixo destacar a importancia de todas estas actuacións: “É fundamental garantir o bo estado e mantemento dos nosos camposantos, non só como espazos públicos, senón como lugares de memoria para a veciñanza. Estas actuacións estruturais e de servizos son unha mostra do noso compromiso coa renovación progresiva destas instalacións”. Gulías tivo palabras de recoñecemento especial para o equipo municipal: “Quero salientar o labor entregado da brigada de cemiterios. O seu traballo, moitas veces invisible, é esencial para que os nosos camposantos estean en perfectas condicións de cara ao 1 de novembro. A súa empatía e sensibilidade cara aos veciños e veciñas, entendendo o que significa para eles ter estes espazos en bo estado, é admirable e digna de eloxio”.

Ademais destes traballos de carácter máis estrutural, nos días máis próximos ao Día de Todos os Santos a concellaría intensificará os clásicos labores de limpeza e xardinería en todos os cemiterios municipais. A concelleira Anabel Gulías tamén realizará visitas de supervisión para comprobar o desenvolvemento dos traballos e felicitar persoalmente o bo facer dos traballadores municipais.

Publicacións Relacionadas