O Concello prepara un novo Plan Cultural para o 2024 dotado con cerca de 64.000 euros

adminON
Lectura mínima de 2

Este plan engloba a todas as asociacións artísticas e musicais de Marín e ten como finalidade que todas elas poidan ter actuacións ao longo do ano, co obxectivo de fomentar a cultura local.

A concelleira de Cultura, Marián Sanmartín, adiantou hoxe en comisión informativa o borrador do novo Plan Cultural de grupos artísticos e musicais para o ano 2024, que estará dotado con cerca de 64.000 euros. O obxectivo, tal e como explicou a concelleira, “é darlle unha nova vida a este plan, que ata agora non incluía a gran cantidade de inversións e actuacións que se costeaban desde o Concello”.

“Queremos seguir apoiando á nosa cultura local, tal e como vimos facendo nestes anos, e para iso está este Plan, que procura que todos os nosos grupos teñan a oportunidade de actuar ao longo do ano”, detallou Sanmartín.

As axudas incluidas no plan están destinadas a banda de música, corais, grupos folclóricos e bandas de gaitas, cuartetos tradicionais, bandas de tambores e cornetas, charangas, batucadas, maxia e animación infantil, así como grupos de animación tradicionais (tipo cantos de taberna).

Os únicos requisitos que hai para formar parte do Plan Cultural son que as asociacións que formen parte do mesmo estean inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións de Marín ou ter a súa sede social na vila, así como desenvolver algunha das actividades artísticas antes mencionadas.

“Agora mesmo temos rexistradas 21 entidades, para as que temos 46 actuacións en total, que son nas que investiremos eses 63.700 euros”, explicou Sanmartín.

Comparte este artigo