Este ano haberá 4 horarios para conciliar nas vacacións de Nadal, dende o 23 de decembro ao 3 de xaneiro. Trátase dun espazo de conciliación destinados a crianzas entre 3 e 11 anos, e neste 2024 como novidade, tamén haberá unha oferta concreta e destinada para a conciliación das mozas e mozos de 12 a 16 anos.
Desde o Concello de Soutomaior, a través da Concellería de Igualdade, ponse en marcha o programa Espazo Concilia de Nadal destinado á conciliación da vida familiar e laboral durante os períodos non lectivos da escola para as familias do Concello de Soutomaior.
Esta mañá a concelleira de Igualdade e de Benestar, Rosana Martínez Boullosa, a directora do CIM, Cristina García e a avogada do CIM, Clara Rodríguez, presentaron a oferta de conciliación que dende o Concello de Soutomaior lanzan para este Nadal.
Un programa, que conta con 50 prazas, e que vai dirixido ás crianzas empadroados/as no Concello de Soutomaior de entre 3 e 11 anos de idade. Este ano, como novidade, tamén polo Nadal se oferta outro espazo concilia con actividades destinadas e concretas para mozas e mozos de 12 a 16 anos.
O horario deste Espazo Concilia de Nadal, para todas as idades, é de 9 da mañá ás 14 h, pero existe a posibilidade de entrar ás 8 h (aula matinal) e de saír ás 15 h . Polo tanto existen 4 horarios a escoller: opción 1: de 9 a 14 h. ; opción 2: de 8 a 14 h.; opción 3: de 8 a 15 h.; opción 4: de 9 a 15 h.
Este programa está subvencionado polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade, a través da consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.
En relación ás inscrición e a asignación de prazas: a inscrición das solicitudes pode facerse dende o martes 26 de novembro ás 10:00 h. en liña a través da páxina web gabinetesoutomaior.com. Inscricións que estarán abertas dende o 26 ata o 9 de decembro ás 14:00h.
O Campamento desenvolverase do 23 de decembro ao 3 de xaneiro no edificio do Centro de Benestar Integrado (Multiúsos).
Valoracións e puntuación
Asignaranse as prazas segundo criterios de vulnerabilidade, acreditándose no momento da inscrición: familias empadroadas ou que traballen no termo municipal; familias monomarentais / parentais; mulleres en situación de desemprego; vítima de violencia de xénero; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares; familias con diversidade funcional; Familias numerosas e renda por debaixo de 20.844,72€
A documentación a presentar na plataforma durante a inscricións será: DNI da crianza (de non dispoñer del, fotocopia do libro de familia); DNI da nai e o pai; acreditación dos criterios de vulnerabilidade; cumprimentar os anexos de autorización de toma de imaxes. Dende o departamento de Igualdade informan de que as persoas que non presenten toda a documentación requirida, quedarán excluídas da convocatoria.