Comeza a fase de urbanización e dotación do novo equipamento deportivo que poderá estar operativo para o inicio da tempada. O Concello xa traballa na cesión dunha parcela para o futuro estacionamento e no adecentamento do camiño de acceso ao campo.
O Concello de Pontevedra recibiu administrativamente esta mañá o campo de fútbol de Sal cedo nun acto no que estivo a concelleira de Deportes Anabel Gulías, acompañada dos concelleiros Alberto Oubiña e Xaquín Moreda, ademais do vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez. O campo financiouse a cargo das partidas anuais que lle corresponden ao Concello de Pontevedra nos orzamentos da institución provincial.
Anabel Gulías recoñeceu que o de hoxe “é un paso moi importante na construción e en facer realidade este campo de fútbol”, xa que “non é ningún segredo que foi unha obra con moitas complicacións técnicas. De feito eu asumín esta obra antes de ser concelleira de Deportes”.
Asegurou que se cumpriron os límites temporais marcados coa comunidade de montes como co equipo de fútbol “e seguímonos marcando o límite de ter o campo listo para a nova tempada, sempre coas cautelas debidas, porque eu non me atrevo a facer ningunha especulación nas obras e menos nesta, pero estamos no camiño”.
Anabel Gulías explicou que “en quince días poderá comezar o proxecto de urbanización -cun prazo de execución de 3 meses- e nos accesos ao campo, e xa estamos traballando no aparcadoiro coa cesión do espazo da comunidade de montes e no adecentamento do camiño”
A concelleira agradeceu o esforzo do persoal técnico do Concello, da empresa e especialmente á xefa de obra. Tamén agradeceu ao vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez pola lealdade institucional e “por seguir mantendo un convenio que xa se iniciara na anterior etapa de goberno da Deputación e respectaron a vontade do Concello de elixir como executar os fondos que lle corresponden ao Pontevedra”.