• O prazo de inscrición para este servizo subvencionado polo Concello de Ponteareas está aberto todo o curso escolar
•O servizo público de aula matinal ofrece tamén o de aula tardía no CEIP Feliciano Barrera de Guláns de 13:45 a 15:00 horas
A concellería de Ensino do Concello de Ponteareas informa que está aberto o prazo de solicitude do servizo público de aula matinal e tardía para os centros públicos de infantil e primaria para o curso escolar 2024/2025. Para dar un maior apoio ás familias o Concello de Ponteareas reduciu á menos da metade o importe que terán que aportar as familias pasando de 32€ ao mes no curso pasado a 15€ ao mes.
Para facilitar a tramitación a inscrición pódese facer a través da nova páxina web do Concello no apartado “convocatorias, axudas e subvencións”. Aí disporán do formulario para cubrir e enviar por rexistro de entrada a calquera hora do día e dende calquera ubicación.
O concelleiro de Ensino, Ricardo González, convida á cidadanía a familiarizarse cos tramitación online e perder o medo a tecnoloxía xa que “nace coa intención de axudar e de xerar unha relación máis fluída e áxil coa administración”. Engade o edil de Ensino que nestes intres xa se pode completar todo o proceso de inscrición telemática aínda que tamén se poderá achegar presencial por rexistro de entrada. En ámbolos dous casos o prazo estará aberto ao longo de todo o curso.
Para o vindeiro curso escolar o Concello ofrece servizo de aula matinal en todos os centros de infantil e primaria públicos en horario de mañá e tamén servizo de aula tardía no colexio Feliciano Barrera de Guláns de 13:45 a 15:00 horas para contribuír na mellora da conciliación familiar e laboral.
Este servizo de aula matinal e tardía que apoia ás familias é subvencionado polo Concello de Ponteareas que inviste un total de 37.000€. As cativas e cativos estarán atendidos por monitores e desenvolverán actividades lúdico educativas.

