A mellora tivo un custe de case 27.000 euros e supuxo a creación dun acceso de pedra confinado entre zonas verdes con árbores, plantas de flor e bancos. Substituíse un valado metálico por un de madeira e mellorouse a fonte do lugar.
O Local social do Rañadoiro, na parroquia de Ponte Sampaio, vén de estrear un novo acceso e zona verde que o converte nun espazo de estancia e mellora, substancialmente, a contorna e as entradas ás vivendas da veciñanza. O Concello investiu 26.892,97 euros nesta actuación que pretende estender a política municipal de trasladar os estándares de calidade aos núcleos rurais do concello.
O centro cultural do Rañadoiro foi inaugurado en 2010 e dispoñía na súa entrada duns xogos infantís que estaban obsoletos e deteriorados. O proxecto de reforma incluíu a retirada destes elementos e acordouse non volver repoñelos porque o espazo no que se atopaban non cumpría a normativa actual para a instalación de parques infantís.
Polo tanto, decidiuse a creación dun acceso empedrado ao Local social e dunha nova zona verde axardinada, que dispón de bancos , árbores e plantas de flor que converte ao lugar nun espazo de encontro e descanso para a veciñanza, xusto na entrada da instalación municipal.
A actuación completouse coa colocación dun valado de madeira, substituíndo ao metálico existente, a mellora da fonte do lugar que se respectou no proxecto final e a limpeza de toda a contorna que tiña maleza.



