O Concello incorpora ao proxecto as alegacións recollidas durante as reunións cos veciños e veciñas afectadas e renova o compromiso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para executalo o vindeiro ano
O Concello continúa avanzando na creación da Senda do Pego, unha infraestrutura peonil que permitirá conectar o núcleo urbano co sendeiro do Miño, achegando á veciñanza á súa ribeira e xerando novos espazos de lecer nunha contorna de alto valor natural e paisaxístico.
Tras as reunións mantidas coas propietarias dos terreos afectados e un proceso de escoita activa, o Concello presenta unha reformulación do proxecto en base ás alegacións veciñais, adaptando o trazado para mellorar a integración medioambiental da actuación co obxectivo de minimizar o impacto e garantir o máximo consenso social. Así llo trasladou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, que asinaron un novo convenio co que renovaron o compromiso da Confederación para que o proxecto continúe o vindeiro ano.
Esta actuación contempla un investimento global de máis de 1,5 millóns de euros en tres anualidades, dos cales o 80% será financiado pola Confederación e o 20% polo Concello. A intervención permitirá crear un novo sendeiro paralelo ao río Pego, ao tempo que se dará solución á problemática do saneamento do colector xeral pegado ao Miño, en mal estado de conservación. A súa renovación evitará infiltracións e reducirá a entrada de augas pluviais e limpas no sistema, mellorando a depuración na Estación Depuradora de Augas Residuais do Concello de Tomiño.
A rexedora salientou que este “é un proxecto de grande importancia estratéxica para o municipio, froito dun diálogo constante coa veciñanza e dun traballo firme para que Tomiño siga ofrecendo máis espazos naturais de calidade e maior conectividade peonil”. González engadiu ademais que permitirán “gozar dun percorrido seguro e accesible a carón do Pego e do Miño, aumentando os espazos públicos de convivencia e favorecendo un modelo de mobilidade máis sostible e respectuoso co medio ambiente”.
A Senda do Pego representa un novo paso dentro da aposta municipal por incrementar a rede de sendas naturais, abrindo o territorio á cidadanía e contribuíndo á mellora da súa calidade de vida. Trátase dunha ruta cun alto valor paisaxístico, histórico e turístico da comarca que recupera un antigo sendeiro que conectará o centro urbano co Miño cun itinerario de baixo impacto ambiental e que contribuirá tamén a difundir o patrimonio natural do concello, permitindo á xente a percorrer un espazo idóneo para a práctica deportiva.



