HomePontevedraO Concello remata as obras de Pilar Bértola co asfaltado, pintado de...

O Concello remata as obras de Pilar Bértola co asfaltado, pintado de novas prazas de estacionamento e colocación de varanda

- Anuncio -spot_img

A Concellaría de Servizos urbanos básicos tamén rematou a conexión peonil de 75 metros da praza da Regas coa rúa da Sequiña no barrio de Valdecorvos

Completa a plantación de árbores en María Victoria Moreno e na Avenida da Estación, dando por finalizadas a mellora das beirarrúas nestas dúas vías

O Concello de Pontevedra, a través da Concellería de Servizos Urbanos Básicos que dirixe o concelleiro Xaquín Moreda, vén de rematar esta semana varias intervencións de mellora urbana nos barrios que repercuten directamente na calidade de vida da veciñanza.

A iniciada máis recentemente é a da rúa Pilar Bértola, onde completou o asfaltado da área liberada tras a demolición dunha casa antiga deshabitada que estaba fóra das aliñacións do plan urbanístico e funcionaba como un “tapón urbanístico”. A súa eliminación permitiu gañar un espazo público para a cidadanía.

Os traballos tamén incluíron a regulación das cotas coa Praza de Cornelis de Holanda, que está lixeiramente máis alta, o asfaltado final e a sinalización das novas prazas de estacionamento, xunto coa colocación da varanda de protección.

Na zona de Valdecorvos, a Concellería finalizou a conexión peonil que une o Parque das Regas coa rúa da Sequiña. Supuxo a creación dunha senda peonil de 75 metros de lonxitude, pavimento formigonado con acabado varrido, recollida de pluviais e un largo efectivo medio de 2,50 metros.

Na rúa da Sequiña, a senda remata cunha escaleira e unha rampla adaptada para facer accesible o camiño dende a zona verde. Esta conexión, ademais, facilita o acceso peonil á rúa José Malvar dende Valdecorvos. O deseño buscou a comodidade, funcionalidade e integración para os veciños e veciñas.

Finalmente, o Concello deu por concluída a plantación de árbores pendentes en María Victoria Moreno e na rúa da Estación. Foron traballos que quedaran pendentes do verán debido á necesidade de que chegase o tempo de inverno axeitado para este tipo de tarefas.

Na rúa María Victoria Moreno, a actuación consistiu na construción dun novo tramo de beirarrúa de 150 metros entre Arcebispo Lago e Arcebispo Xelmírez. O proxecto tiña como finalidade dotar de continuidade e seguridade ao tránsito peonil nunha zona que carecía dela. A nova beirarrúa, construída en formigón pulido, integra elementos para a humanización do espazo, como son a instalación de ramplas de acceso a garaxes, a garantía da correcta recollida de augas pluviais e a creación dunha socava para a plantación dunha árbore que se materializou nestes días.

Na avenida da Estación, onde se acometeu a reforma das beirarrúas que estaban afundidas polo repisado dos edificios, a intervención remata coa plantación das tres novas árbores. Para evitar os problemas que causou o arborado anterior (levantamento de lousas e proximidade ás fiestras), foron colocadas fóra da liña dos servizos e no espazo de estacionamento, distanciándose así das fiestras e fóra das beirarrúas.

O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, salientou a importancia destas intervencións para o día a día da cidadanía: “Como sempre digo, estas pequenas obras aínda que parezan pequenas non son tan pequenas, porque melloran moito os espazos públicos”. Subliñou que o obxectivo das actuacións é “ordenar a contorna e acondicionala con accesibilidade para todas as persoas”.

Estas actuacións forman parte dunha estratexia continua do departamento que dirixe Xaquín Moreda para responder ás necesidades da veciñanza e mellorar a calidade urbana de Pontevedra, seguindo o mandato de prioridades fixado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores

Publicacións Relacionadas