A concelleira Cristina Acuña e a presidenta do colectivo, Catalina Conde, revisaron o contido do convenio
O Concello renova con Estrela de Marín a súa axuda anual, en concepto de subvención nominativa. Recibirán unha axuda municipal de 4.000 euros para que poidan facer fronte a gastos derivados das súas campañas de dinamización comercial e que son clave para o fomento das compras no comercio local.
A concelleira de Comercio, Cristina Acuña, e a presidenta do colectivo, Catalina Conde, revisaron o contido do convenio, onde se recollen que gastos son susceptibles de ser subvencionables dentro da axuda e cal é o prazo de xustificación.
Desde o Concello, quixeron mostrar o seu apoio á asociación de comerciantes, que está a destacar a nivel autonómico no seu traballo de dinamización. Bo exemplo diso foi a campaña Escaparate Estrela, que contou cunha axuda autonómica, e que puxo ao comercio de Marín no mapa.
Agora, ademais desta colaboración anual, Concello e asociación traballarán man a man para toda a campaña que se aproxima polo Nadal, un momento de especial relevancia para fomentar entre a veciñanza o consumo nas súas tendas e establecementos de proximidade.



