A Concellaría de Promoción Económica, que dirixe Óscar Durán, repartirá un total de 35.500 euros en subvencións directas a través de varios convenios con diferentes asociacións empresariais e comerciais da Estrada, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial no noso municipio e axudar aos produtores locais.
Concretamente, as axudas que ten previsto aprobar o Concello da Estrada na Xunta de Goberno Local do vindeiro luns serán as seguintes: a Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE) percibirá 15.000 euros para impulsar campañas que axuden á dinamización e á promoción do pequeno comercio no noso municipio; a Asociación Comarcal de Empresarios beneficiarase de 5.000 euros que irán adicados a brindar apoio ás empresas da contorna na realización de trámites; a Asociación de Fabricantes do Moble recibirá 5.000 euros para a promoción do sector da madeira e a difusión de eventos como a Feira do Moble; a Asociación de Hostaleiros da Estrada dotarase con 5.000 euros para promover a hostalería local; a Asociación de Empresarios do Polígono de Toedo beneficiarase de 4.000 euros para o mantemento da súa seguridade e dos espazos comúns, así como para impulsar a actividade económica; e a Asociación de Praceiros do Novo Mercado recibirá 1.500 euros para promocionar o produto local a través de campañas publicitarias.
Con estas axudas, o Concello da Estrada busca potenciar os sectores estratéxicos da vila e xerar emprego, e veñen a complementar assubvencións municipais por valor de 30.000 euros para incentivar e fomentar a creación de empresas na Estrada, das que se beneficiaron máis de 30 empresas e autónomos estradenses, ademais das múltiples actividades e campañas que se promoven dende o Concello ao longo de todo o ano para dinamizar a economía local e promocionar o consumo de proximidade.