– Un dos incumprimentos de Audasa é a reposición da fonte de Cornido, no barrio da Igrexa, que foi retirada polas obras de ampliación da AP-9 e que malia constar no proxecto “non se recuperou”. Rivas esixe á concesionaria “que execute as obras acordadas” e advirte que fará valer “os dereitos da veciñanza que leva décadas padecendo os prexuízos da AP-9”.
– O goberno local afirma que o Concello non recepcionará as obras ata que os técnicos municipais realicen “todas as comprobacións pertinentes”. Os traballos nos viarios afectados e as obras de reposición “deben axustarse ao proxecto e cumprir con todos os compromisos adquiridos durante a tramitación das obras”.
O Concello de Redondela rexeitou esta semana a recepción das obras de reposición da AP-9 en Chapela. A alcaldesa explica que non o farán “ata que os técnicos municipais poidan comprobar o estado das obras e se resolvan as posibles deficiencias”. Audasa, empresa concesionaria da autoestrada, citou ao Concello “sen tempo suficiente para realizar as comprobacións técnicas necesarias”. O goberno local advirte que é necesario verificar que o resultado das obras “se corresponde co proxecto e que cumpre cos compromisos acadados”.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que un deses compromisos, a reposición da fonte do Cornido, non se cumpriu por parte de Audasa. Trátase dunha das fontes máis antigas do barrio de Igrexa e que foi retirada a causa da ampliación da autoestrada. “No documento de reposicións consta a recuperación da fonte de pedra cunha parede ornamental e bancos, e Audasa non o fixo” denuncia Rivas. A rexedora advirte que non vai consentir que a concesionaria incumpra os acordos adquiridos e que vai facer valer “os dereitos da veciñanza que leva décadas padecendo os prexuízos da AP-9”. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, sinala tamén que a reposición da fonte é unha demanda “histórica” da parroquia que Audasa ten a obriga de repoñer.
O Concello ten tamén coñecemento doutras incidencias nos servizos e instalacións a causa das obras de reposición das vías afectadas. O goberno local afirma que “ata que os técnicos municipais realicen todas as comprobacións pertinentes, non se procederá á recepción das obras”. O Concello reitera tamén a súa boa disposición para continuar “coa coordinación técnica e administrativa necesaria para a correcta finalización do procedemento”.



