• Os cinco finalistas terán 30 días para desenvolver e presentar un anteproxecto entre os que se decidirá a proposta gañadora
• O concurso recibiu 102 propostas das que se seleccionaron 28 inicialmente na primeira fase
O concurso de ideas para a rehabilitación do edificio do Mercado de Abastos en Biblioteca Pública Municipal deu un paso máis ao seleccionar o xurado os 5 proxectos finalistas de entre os 102 presentados que optarán á redacción e dirección do proxecto.
Os cinco finalistas son os proxectos cos seguintes lemas: ‘Nao Senlleira’, ‘No era un sombrero’, ‘Kunsthalinho’, ‘Condensador Urbano’ e ‘O Castro Urbano’.
Estes cinco estudios seleccionados contan agora con 30 días para desenvolver a idea presentada a nivel de anteproxecto de entre os que se elixirá a proposta gañadora, que conleva un premio de 10.000€ e se outorgarán un segundo e terceiro por valor de 7.500€ e 5.000€ respectivamente, así como dous accésits de 2.500€, segundo informa a concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas. A proposta que resulte seleccionada será a encargada de redactar o proxecto final e levar a cabo a dirección da obra.
A alcaldesa, Nava Castro, manifesta a súa satisfacción ante este novo avance que “nos pon ás portas do desenlace dun concurso con igualdade de oportunidades tanto para novos talentos como para os consagrados ao non haber esixencias de solvencia. Queda demostrado que ir da man de expertos como neste caso o Colexio de Arquitectos de Galicia é garantía de procesos máis exitosos e obras que melloren a vida das persoas”.
PÉ DE FOTO
A elección dos cinco finalistas foi resultado dun traballo complexo no que se plasman as diferentes olladas dos membros do xurado, así o resume o arquitecto Alfredo Sirvent que quere “resaltar a gran cantidade de propostas presentadas polo que cabe felicitarse por este tipo de concursos abertos e que supoñen unha oportunidade para todas e todos os arquitectos”.
Gracia Amandi , tamén membro do xurado, adianta que as cinco propostas finalistas xeran espazos flexibles que permiten distintos tipos de usos e avanzan cara un concepto de biblioteca aberta a toda a cidadanía, “buscábase que fose integradora e atraente para distintos tipos de públicos”. Segundo Gracia deuse moita importancia á aula vinte catro horas con acceso independente accesible e primouse as propostas que urbanísticamente se integren na contorna e que propoñan espazos que relacionen o interior co exterior. “Propostas razoables en canto a intervención cun equilibrio entre o custo e o beneficio, que fose capaz de manter a esencia do edificio e sempre enfocadas á rehabilitación gardando recordos do seu pasado como mercado e por suposto sostible e accesible”.

