HomePontevedraO concello solicita á Autoridade Portuaria información sobre o futuro do cargadoiro...

O concello solicita á Autoridade Portuaria información sobre o futuro do cargadoiro Coto Wagner

- Anuncio -spot_img

– O Concello amosa a súa preocupación polo estado de deterioración do cargadoiro mineral Coto Wagner, en Cedeira. Esta estrutura, patrimonio histórico-industrial de Galicia, corre risco de desaparecer se non se actúa con urxencia. A Autoridade Portuaria informou á alcaldesa hai sete meses que existe un “proxecto” para actuar na zona, pero a día de hoxe esa proposta non chegou ao Concello.

– Digna Rivas reitera o compromiso do Goberno local “coa posta en valor do cargadoiro e a súa total disposición a colaborar en calquera iniciativa que garanta a protección e integración deste emblema do patrimonio industrial no contorno de Rande”.

O Concello de Redondela solicitou á Autoridade Portuaria de Vigo aclaracións sobre dous asuntos de gran impacto para o litoral e o patrimonio do municipio: o estado de abandono do cargadoiro mineral de Coto Wagner a presenza dunha embarcación fondeada en Rande. Esta demanda remitiuse hai un mes á presidencia do Porto, e polo de agora non se recibiu resposta.

En primeiro lugar, e de especial preocupación para o Concello, é o estado de deterioración do cargadoiro mineral Coto Wagner, en Cedeira. Esta estrutura, un elemento fundamental do patrimonio histórico-industrial de Galicia e catalogada polo seu valor singular, corre risco de desaparecer se non se actúa con urxencia. A alcaldesa recorda que, tras unha reunión co presidente da APV o pasado mes de agosto, informouse da existencia dun proxecto para actuar na zona. Porén, sete meses despois, o Concello denuncia que non recibiu ningunha nova información nin avances ao respecto. “Solicitamos o estado actual de calquera proxecto ou estudo técnico previsto para a súa conservación e rehabilitación”, sinala a alcaldesa, e insta á Autoridade Portuaria a remitir toda a documentación dispoñible “para o seu estudo técnico por parte do Concello”. O goberno de Digna Rivas reitera o seu compromiso “coa posta en valor do cargadoiro e a súa total disposición a colaborar en calquera iniciativa que garanta a protección e integración deste emblema do patrimonio industrial no contorno de Rande”.

Por outra banda o Goberno local reclama información detallada sobre unha embarcación que permanece fondeada dende hai tempo na zona do Muelle de Pedra, en Rande. O Concello quere coñecer que actividade desenvolve este buque, cal é a finalidade da súa estancia nese punto concreto e, sobre todo, se existe unha previsión sobre a súa retirada ou continuidade no emprazamento.

Publicacións Relacionadas