HomePontevedraO Concello solicita á Deputación a suspensión temporal das obras na Portela...

O Concello solicita á Deputación a suspensión temporal das obras na Portela “que deixarían incomunicados a ducias de residentes”

- Anuncio -spot_img

– Os avisos do corte da circulación no camiño da Portela foron colocados na estrada durante a fin de semana sen comunicación previa ao Concello nin á Policía Local. A alcaldesa explica que desde o pasado sábado tentaron contactar cos responsables das obras da Deputación, sen obter resposta ata o de agora.

– Rivas lamenta a falta de previsión da Deputación xa que as obras coinciden coas que realiza ADIF na reforma da rede ferroviaria. Se comezan os traballos de pavimentación “os residentes da Portela quedarían totalmente illados e sen alternativa posible”.

– Desde o Concello solicitouse a suspensión temporal das obras  “mentres non se habilite unha solución alternativa de acceso”. Rivas demanda tamén que, unha vez estea dispoñible un acceso seguro e operativo, “se coordinen as actuacións necesarias para executar as obras sen causar illamento nin afectacións graves aos residentes”.

O Concello de Redondela tivo constancia esta fin de semana, por uns papeis pegados na zona, do peche do tráfico no camiño da Portela. Uns carteis da empresa construtora advirten do corte de circulación os días 18, 19 e 20 deste mes. Trátase dunhas obras de pavimentación previstas pola Deputación de Pontevedra nun tramo da EP-2904 “que deixarían incomunicados a ducias de veciños e veciñas que residen na zona, e impedirían o acceso de ambulancias ou calquera outro servizo de emerxencias”.  O camiño da Portela está afectado actualmente por unhas obras de Adif pola renovación da infraestrutura ferroviaria, polo que a única alternativa para os residentes é a estrada provincial. Os avisos do corte da circulación foron colocados durante a fin de semana “sen comunicación previa ao Concello nin á Policía Local”, explica a alcaldesa Digna Rivas. A rexedora explica que desde o pasado sábado tentaron en reiteradas ocasión poñerse en contacto cos responsables das obras, sen obter resposta. Ao longo desta mañá tampouco recibiu contestación por parte da Deputación.

O departamento técnico de Urbanismo do Concello remitiu esta mañá un expediente ao organismo provincial solicitando a “suspensión temporal das obras de pavimentación na EP-2904 ao seu paso por A Portela”. As obras que está a realizar ADIF na zona eliminaron provisionalmente o paso sobre a vía. A día de hoxe non hai habilitada unha conexión alternativa de acceso para os veciños e veciñas, sendo a única a estrada provincial. A execución simultánea das obras de pavimentación previstas provocaría que os residentes do núcleo de poboación da Portela quedasen “totalmente illados”, ao impedirse tanto a entrada como a saída da zona debido ao corte do único acceso practicable neste momento. A alcaldesa advirte que esta situación suporía “un grave prexuízo para a veciñanza, afectando a desprazamentos laborais, escolares, sanitarios e a calquera necesidade básica de mobilidade”.

Desde o Concello solicítase a suspensión temporal das obras de pavimentación previstas na EP-2904 ao seu paso por A Portela “mentres non se habilite unha solución alternativa de acceso que garanta a mobilidade da poboación afectada”. Rivas demanda tamén que, unha vez estea dispoñible un acceso seguro e operativo, “se coordinen as actuacións necesarias para continuar coa execución das obras sen causar illamento nin afectacións graves aos residentes”.

Publicacións Relacionadas