HomePontevedraO Concello subvenciona ás Comunidades de Auga con ata 3.000 euros

O Concello subvenciona ás Comunidades de Auga con ata 3.000 euros

- Anuncio -spot_img

O Concello de Redondela convoca subvencións para axudar ás Comunidades de Auga das parroquias do municipio, entidades de gran relevancia “porque dan un servizo esencial en moitos barrios das parroquias do municipio”. O obxectivo destas subvencións é “mellorar as instalacións e ofrecer oportunidades para obras ou actuacións que precisen as Comunidades de traídas de auga”. O importe máximo a recibir por cada entidade solicitante é de 3.000 euros, e o Concello conta cunha partida de 30.000 euros para outorgar estas axudas.

O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explica que esta subvención está deseñada para cubrir gastos das comunidades destinados a obras ou melloras “nos sistemas de captación de auga, os sistemas de almacenamento e potabilización ou nas redes de distribución”. As bases e a convocatoria desta subvención pode consultarse na web do Concello de Redondela. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 12 de setembro de 2025.

Consumo responsable da auga

Villar fai un chamamento á cidadanía para que faga un consumo responsable da auga “un ben esencial e escaso”. A situación meteorolóxica que afecta á comarca obriga a evitar o consumo extraordinario de auga. A recomendación é evitar a rega de xardíns ou leiras privadas, o enchido de piscinas particulares, lavado de vehículos e calquera outro uso que non sexa doméstico ou sanitario. Os servizos municipais tamén están a axustar o consumo de auga potable. O encoro de Eiras, que abastece a Redondela e outros municipios da área, iniciou o mes de agosto ao 85% da súa capacidade, son 12 puntos menos que nas mesmas datas do ano pasado, logo duns meses de xuño e xullo con moi poucas precipitacións.

Desde o Concello lembran tamén que existe un protocolo de actuación para as Comunidades de Auga en caso de emerxencias pola seca. Se algunha traída de auga solicita a activación deste protocolo o Concello conta cun plan para garantir o abastecemento de auga nos barrios que o precisen en colaboración con Aqualia.

Publicacións Relacionadas