O investimento, que supera os 590.000 euros, farase con cargo ao PON2030 da Deputación de Pontevedra
O Concello de Vilaboa recurre ao PON2030, o novo programa da Deputación que permite aos concellos financiar a recuperación de edificios municipais, para facer unha restauración integral da antiga escola unitaria de O Picho e que tamén acolleu no pasado as oficinas da escola-obradoiro de emprego. O Concello ten listo xa o anteproxecto do que será o Centro Social e de Maiores de Vilaboa.
Trátase dun edificio de dúas plantas situado nunha parcela de titularidade municipal cunha superficie de 863 metros cadrados no que se encontra tamén outra edificiación auxiliar; todo elo en mal estado de conservación debido ao desuso.
A memoria descriptiva deste ambicioso proxecto para Vilaboa contempla unha actuación de acondicionamento combinada cunha reforma estrutural sustancial que pasa pola demolición dunha das fachadas e a apertura dos ventanais ata o chan, entre outros moitos cambios interiores na distribución do edificio, garantindo a accesibilidade universal e a eliminación de barreiras arquitectónicas. Contempla tamén o acondicionamento de espazos exteriores como xardíns e zona de esparcemento ao aire libre.
Unha actuación que supera os 593.000 euros de investimento para recuperar uns edificios que o Concello destinará a uso sociosanitario, un servizo esencial tendo en conta o índice de envellecemento da poboación no municipio, tanto para que as persoas maiores teñan en Vilaboa unhas instalacións axeitas que cubran as súas necesidades asistencias como para que as súas familias teñan un centro de día como alternativa para os coidados dos e das maiores que lles facilitaría a conciliación.



