Actuarase principalmente en cuestións como o arranxo e mellora de camiños e na ampliación da rede de servizos básicos, onde xa se leva avanzado con varios investimentos importantes desde finais de 2024
O alcalde, Jacobo Pérez, explica que esta tramitación responde a demandas e suxestións recollidas durante a xira de reunións que se levou a cabo a principios de ano en todas as parroquias
O Concello de Caldas de Reis está a traballar na redacción e na licitación de diferentes proxectos para o rural. Son, en moitos casos, actuacións das que se falaron ao longo da xira de encontros que o alcalde, Jacobo Pérez, mantivo en todas a parroquias durante as primeiras semanas de 2026, e nas que tomaron parte máis de 200 veciños e veciñas. Nestas reunións, ademais de facer balanzo do traballo feito polo Gobernon local e resolver dúbidas que se prantexaron, tamén se tomou nota das demandas e inquedanzas da veciñanza, tal e como explica o rexedo caldense. “En moitos casos estamos xa traballando na redacción de proxectos para ter toda a documentación adiantada no caso de que poidamos optar a subvencións doutras administracións, algo que é útil para actuar cunha maior axilidade”, sinalou Pérez Gulín. A meirande parte desta batería de obras e traballos a realizar teñen que ver co arranxo dos camiños e tamén con seguir mellorando e incrementando os servizos básicos, especialmente en saneamento. “Algúns destes proxectos xa están practicamente na rampa de saída e van dar continuidade aos que xa remataron ou están en marcha, como a construción da EDAR do Fieitoso”, sinalou o alcalde de Caldas de Reis, quen, precisamente, na mañá deste martes estivo pasando revista ás tarefas de desbroce e posta a punto das cunetas do rural.
“Por primeira vez en moito tempo o ano pasado leváronse a cabo dúas pasadas polas parroquias co tractor desbrozador, o que serviu para mellorar o estado dos camiños e dar resposta a unha demanda veciñal histórica, algo que conseguimos sacando a licitación esa actuación”, apuntou Jacobo Pérez. Entre as prioridades para o rural tamén se atopa a aposta do Concello por tratar de reforzar con novo áreas municipais que leven a cabo este tipo de traballos. “Agora mesmo estamos con toda a burocracia, pero sería importante conseguir contar con máis persoal propio, porque iso permitiríanos levar a cabo este tipo de traballos dunha forma máis áxil e cun importante aforro
económico”, recoñeceu Pérez Gulín. Cómpre lembrar que a licitación dos contratos de limpeza e desbroce superaron os 350.000 euros. “É un esforzo necesario para garantir o bo estado das vías e a seguridade nos camiños do rural”, subliñou o alcalde.
Os traballos de desbroce deron comezo esta semana, unha vez que así o permitiron as condicións meteorolóxicas, e este martes estiveron levándose a cabo en San Andrés. Durante os vindeiros días a maquinaria irá desprazándose a todas as parroquias.

