O Concello de Nigrán desistira da licitación do expediente aprobado no pleno do 31 de novembro de 2023 ao detectarse un erro no cómputo de horas dos traballadores, aspecto subsanado coa nova aprobación no Pleno de hoxe
O goberno de Nigrán aprobou subvencionar o baleirado das fosas sépticas da veciñanza que non ten servizo público de saneamento
O goberno de Nigrán deu luz verde definitiva no Pleno ordinario de onte pola mañá aos plegos que rexerán a vindeira contratación do servizo de recollida de residuos, limpeza viaria e praias do municipio. A cuestión, que contou co voto en contra do PP e abstención do BNG, fora aprobada do mesmo xeito no pleno ordinario do 31 de novembro de 2023, sen embargo, o Concello tivo que paralizar o proceso ao detectarse un erro no cómputo das horas dos traballadores. comunicada a posteriori pola CIG (desestimento ratificado oficialmente no Pleno do 26 de decembro de 2023). As novas bases foron polo tanto aprobadas coa corrección incorporada de 1.547 horas anuais de traballo e non 1.757 horas e, polo tanto, un mínimo de 29,65 operarios e non 28,62 como figuraba inicialmente.
“Tras aprobar en novembro as bases nos comunican desde o comité de empresa que o convenio regulador fora modificado no campo das horas de traballo, polo que automáticamente os pregos quedaban obsoletos. Foi unha mágoa que non nos informasen desta novidade antes de levala a pleno porque retrasou ata agora todo o procedemento”, explica o alcalde, Juan González, quen explica que agora os plegos serán publicados no Diario Oficial da Unión Europea para abrirse despois 2 meses de exposición pública. “A finais de verán debería estar resolto o concurso e, se non hai contratempos nin alegacións das empresas, a finais de ano debería estar funcionando coa nova concesión”, considera.
Tras case 3 anos prorrogado o contrato a Cespa-Precero, o novo pasará dunha concesión de 16 anos por 26 millóns de euros a unha adxudicación de servizo con valor máximo de 30,2 millóns de euros e 10 anos de duración sen dereito a prórroga, sendo o contrato con maior dotación económica na Historia do Concello de Nigrán. “Son plegos elaborados exclusivamente por técnicos e con criterios, polo tanto, técnicos, co único obxectivo de prestar o mellor dos servizos á cidadanía”, explica o alcalde. Entre as novidades fronte o actual inclúe brigadas exclusivas de limpeza viaria, selección de orgánica ou o sistema electrónico de recollida intelixente.
Fosas sépticas
O Concello de Nigrán subvencionará o baleirado das fosas sépticas ou pozos negros da veciñanza que carece de saneamento. Así o aprobou o goberno local no pleno ordinario de hoxe tras presentar unha emenda a unha moción do PP que propuña que o propio Concello asumise este servizo. “Cremos que o lóxico e de verdade eficaz é subvencionar á pouca veciñanza que todavía non se pode conectar ao saneamento público e, ao mesmo tempo, completar a rede de saneamento, polo que o baleirado de pozos negros irá quedando reducido en pouco tempo á mínima expresión”, explica o alcalde, quen remarca neste sentido a nova liña de subvencións que tamén se creará este ano para a instalación de sistemas de bombeo de augas residuais nas vivendas que así o precisen para conectarse.

