O ciclo de cinema Mulleres, Patrimonios, Sociedade, promovido pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), recala en Tui na sexta edición. Desta volta para prestar especial atención á memoria histórica, as revolucións e os procesos de transición conmemorando o 50 aniversario da Revolução dos Cravos en Portugal. O ciclo desenvolverase dos días 26 ao 28 de setembro no teatro municipal da localidade pontevedresa e achegará recoñecidas producións galegas e portuguesas. Ademais, contará coa presenza do Coronel Mário Tomé, un dos capitáns do 25 de abril. A entrada é libre ata completar a capacidade.
Elas também estiveram là de Joana Craveiro é a longametraxe coa que se abre este ciclo. Un documental poético sobre a invisibilidade das mulleres en acontecementos históricos, como a ditadura portuguesa de 1926-1974, ou o proceso revolucionario de 1974-75. Combinando historias de vida, fotografías e documentos orixinais, o filme reflexa esas vidas invisibles e culmina cunha escena filmada nunha pequena sala de cinema, que se acredita ter sido usada pelos censores durante a ditadura portuguesa. Fiel ao formato de diálogo deste certame, ao remate haberá unha conversa entre os protagonistas e o público. Nesta ocasión estará presente o Capitán do 25 de abril, Coronel Mário Tomé, nun acto conducido por Encarna Otero e Alexandra Esteves.
As curtametraxes galegas, portuguesas e brasileiras protagonizan a segunda xornada, a do venres 27. Pola banda galega proxectaranse 12 de maio de 1937 de Mar Caldas, máis Na pel da memoria de Coral e Laura Piñeiro. Pola banda portuguesa haberá dúas curtas experimentais: Luzía de Marta Oliveira Pinto e Imersão de Maria Inês de Sá. A participación brasileira é no traballo documental de Lucas Ribeiro e Luísa Caria titulado Pescadoras em Rede: As Mulheres de Gamboa de Baixo. Ao remate haberá un coloquio coas directoras conducido por Sara Traba e Ana Estévez.
O sábado proxectarase As Melusinas à margem do rio, de Melanie Pereira no que cinco mulleres de familias emigrantes nadas en Luxemburgo reflexionan sobre países, identidades, fragmentos e sereas. Mentres procura por entre montes e ríos por Melusina, serea mutante e lexendaria da cidade de Luxemburgo, a realizadora conversa con catro mulleres sobre as súas identidades incertas : o que é ser migrante sen o ser, e ser luxemburguesa sen o ser. Unha viaxe por memorias en tempos de chuvia. Unha procura por identidades sempre fragmentadas. A xornada remata co coloquio coa directora conducido por José Gabriel Andrade e Alberto Paz.
O programa é o resultado da colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega; a Universidade do Minho a través da Vice-Reitoria da Cultura e Sociedade; o Centro de Estudos Galegos (CEG);o Camões – Instituto da Cooperação e da Língua; a Universidade Federal de Salvador de Bahia; e, nesta edición, coa Cámara municipal de Valença e o Concello de Tui.
O ciclo
O ciclo Mulleres, Patrimonios, Sociedade pretende abordar a través dos diferentes formatos audiovisuais como as mulleres non son recoñecidas ou mesmo foron invisibilizadas nos procesos de creación e de recreación do patrimonio cultural; ao tempo que valorizar ben o papel que xogaron nestes procesos. Ademais, tamén pretende ser un espazo para promover o intercambio cultural entre Galicia e os territorios da lusofonía.
Esta proposta arrincou en Braga en maio de 2018, cun programa centrado no cinema galego e a fronteira; un ano máis tarde tivo lugar a segunda edición. Desta volta foi en Vigo e estaba focalizado na situación da muller e a relación coa sociedade. Arcos de Valdevez (Portugal) acolleu a terceira en outubro de 2021 cun programa que pretendía amosar o papel das mulleres nas crises, o patrimonio como instrumento de cohesión social e o contexto da solidariedade e a fraternidade. A cuarta edición foi en Verín en 2022 centrada no mundo da morte, mentres que a quinta tivo lugar en Guimarães, en novembro de 2023, e abordaba as paisaxes femininas.