O encontro porá o foco no perigo das redes sociais como canles de espallamento de discursos de odio e a cobertura legal do profesorado fronte a chamada “neutralidade ideolóxica” nas aulas
A actividade celebrarase o venres 10 de outubro, no IES Valle Inclán e malia seren de balde, precisa inscrición
O Consello Municipal da Muller Nova (CMMN) -nado ao abeiro da Concellería de Igualdadeorganiza unha xornada de formación, dirixida ao profesorado de Pontevedra, co fin de contribuír a darlles ferramentas para traballar a igualdade nas aulas. A cita é venres 10 de outubro (de 16.30 a 20.30 horas) na biblioteca do IES Valle Inclán. Trátase dunha actividade de balde porén precisa inscrición: https://apuntate.pontevedra.gal/
O encontro -que leva por nome A Profesfera- porá o foco, por unha banda, no perigo das redes sociais como canles de espallamento de discursos de odio e negacionistas da igualdade e diversidade. E por outra, na cobertura legal que teñen as/os docentes fronte ao intento de impoñer a chamada “neutralidade ideolóxica” nos centros de ensino, un eufemismo que agocha a intención de controlar e censurar contidos educativos.
As dúas temáticas que se abordarán nesta Profesfera foron elixidas, a pedimento das profesoras e profesores que colaboran de maneira activa nas distintas iniciativas a prol da igualdade promovidas polo CMMN, baixo a coordinación da activista e escritora Montse Fajardo.
Daisy Alcalde, axente de igualdade e presidenta de Apaioga e Laura Arroxo, secretaria nacional de CIG serán os poñentes dunha xornada, que pechará cunha mesa redonda con Pepe Cabido, profesor de Filosofía e Priscilla Retamozo, politóloga e especialista en igualdade de xénero, aberta ao público, sobre o día a día nas aulas.

